En marcha o proxecto PARNET-TIC para fomentar a sociedade da información no medio rural

A Deputación da Coruña lidera o proxecto Parnet-TIC, destinado ao fomento da sociedade de información nos territorios rurais, en colaboración coa Deputación e o Concello de Lugo, ademais doutras institucións de Francia e Portugal.

Este proxecto desenvolverase a partir das xornadas que se celebrarán na cidade de Lugo os próximos días 15, 16 e 17 de decembro. Nestas xornadas analizaranse as accións a desenvolver a través do programa Parnet-TIC, que ten como obxectivo o impulso das TIC nos territorios rurais.

A Parnet-TIC configúrase como unha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais. No proxecto colaboran 8 administracións territoriais de España, Francia e Portugal que comparten unha situación xeográfica e demográfica similar. Así, integran o proxecto a Deputación Provincial da Coruña, a Deputación Provincial de Lugo a través do INLUDES, a Deputación Provincial de Huesca, a de Almería, o Concello de Lugo, a Cámara Municipal de Agueda (Portugal), o municipio Ville de Pau (Francia) e a Pole Universitarie Europèen de Monpellier (Francia).

O proxecto vai ter unha duración total de 2 anos e conta cun orzamento de 1.888.321 euros, cos que se desenvolverán utilidades e servizos destinados á cidadanía do medio rural, para contribuír ao desenvolvemento equilibrado do territorio.

Este proxecto está integrado no programa de cooperación territorial Espazo Sudoeste 2007-2013 da UE que pretende consolidar o sudoeste europeo como un espazo de cooperación territorial nos ámbitos da competitividade, a innovación, o medio ambiente, o desenvolvemento sostible e a ordenación espacial.

O proxecto conta con tres eixos básicos:

1. Deseño dunha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais

2. Servizos dixitais para a cidadanía

3. Plataforma para a participación cidadá

Este grupo de tarefas constitúe a primeira fase de execución do proxecto que ten como obxectivo o deseño do plan para a creación dunha rede transnacional de participación e servizos dixitais en territorios rurais. Neste grupo de tarefas implantaranse nos distintos territorios participantes as propostas do plan relativas a servizos dixitais de e-administración. O outro piar do proxecto é o fomento e mellora da participación cidadá nos gobernos locais (e-democracia) por medio da creación dunha plataforma transnacional de Participación Cidadá.

0 comentarios: