O Goberno español destina 8,7 millóns de euros a promover o acceso das mulleres á Sociedade da Información

O Plan de Acción para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Sociedade da Información destinará máis de 8,7 millóns de euros até 2011 a fin de reducir a fenda de xénero no acceso ás novas tecnoloxías, estimada actualmente en dez puntos porcentuais.

O plan, proposto polos Ministerios de Igualdade, de Industria, Comercio e Turismo, e de Educación, persegue "incidir directamente na participación máis equilibrada de mulleres e homes na utilización das novas teconologías e ferramentas de comunicación" e evitar así unha "nova fenda dixital".

Para iso, o Plan articulará "recursos de formación, información e acceso ás novas tecnoloxías" para "aumentar o acceso das mulleres a estas ferramentas e estimular o seu protagonismo nos sectores tecnolóxicos da información e a comunicación" cun orzamento total de 8.712.000 euros.

En concreto, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo achegará seis millóns; o de Igualdade, 1,9 millóns e o de Educación, 744.000 euros. A execución, seguimento e avaliación do mesmo será responsabilidade do Ministerio de Igualdade, que anualmente valorará a idoneidade e cumprimento do Plan, segundo informou o Consello de Ministros.

Os fondos empregaranse en campañas de aprendizaxe dixital adaptadas a mulleres afastadas dos usos do TIC; reforzo da oferta formativa a colectivos femininos en situación de vulnerabilidade; apoio financeiro ao desenvolvemento de espazos web que visibilicen as achegas das mulleres en todos os campos do coñecemento e ao desenvolvemento de software libre de estereotipos de xénero que sensibilice e promova valores de igualdade, entre outras medidas.

Ademais, porase en marcha un observatorio permanente de estudo e avaliación sobre a presenza, usos, necesidades e demandas de homes e mulleres na Sociedade da Información.

0 comentarios: