O "spam" crecerá no ano 2010


As predicións sobre a evolución do spam para 2009 non se cumpriron e lonxe de decrecer, este tipo de ataques incrementáronse notablemente. A brecha dixital é a principal explicación pois pon nunha situación máis vulnerable a aqueles usuarios con menos experiencia na Rede e nas súas trampas, informa Revista de Internet.

Spamfighter recompilou un conxunto de ameazas que cobrarán protagonismo o vindeiro ano, co fin de advertir aos usuarios da importancia de estar alerta ante posibles fraudes. Martin Thorborg, cofundador de SPAMfighter, explica ademais que " o 2010 será peor xa que os spammers están constantemente desenvolvendo novos métodos".

Entre as principais ameazas identificadas estarían o timo nixeriano ou phishing. Uns ataques cada vez máis sofisticados grazas ao envío de correos personalizados que se aproveitan dos hábitos dos consumidores en Internet (bancos que se visita, ou artigos nos que está interesado). As estafas relacionadas con mensaxes de redes sociais tamén serán máis frecuentes en 2010.

A estas prácticas sumaríase o bombardeo publicitario a través do móbil. Este continuará, xa que a protección non é tan boa como nun computador e con todo son dispositivos cada vez máis usados para conectarse. Os avisos falsos sobre Windows 7 tamén serán aproveitados polos spammers. Hai que ter especial coidado cos posibles corres electrónicos fraudulentos pois os tradutores en rede son cada vez mellores e os erros menos frecuentes, aínda que sempre haxa algún e sexan estes os indicativos máis frecuentes de que o que se está lendo é unha mensaxe falsa. A compañía de seguridade tamén alerta de enlaces a dominios perigosos pola súa similitude cos máis coñecidos, esta práctica incrementarse sobre todo nas mensaxes escritas en chinés.

0 comentarios: