Unha empresa galega de deseño web recibe o recoñecemento da UE

A galega Factoría Eurodigital, unha empresa con sede en Pontevedra con máis de dez anos de experiencia no campo do deseño e do desenvolvemento de produtos audiovisuais en liña, vén de recibir un importante recoñecemento ao seu labor por parte da Unión Europea, que logo dunha década facendo reais os proxectos de outras empresas, chega nun momento de auxe para esta entidade.

A firma, á que lle debemos a creación de portais tan interesantes como www.descubregalicia.com e www.virtualplanet360.com, foi distinguida pola Unión Europea de entre máis de 1.500 proxectos pola súa faceta innovadora e creativa, dúas características que definen á perfección as ferramentas creadas polos seus deseñadores.

Esta distinción aínda adquire máis relevancia se temos en conta que 2009 foi declarado Ano Europeo da Creatividade e Innovación e que xunto a Factoría Eurodixital unicamente outras 16 empresas españolas foron recoñecidas no marco dun programa destinado precisamente ao fomento de iniciativas innovadoras e creativas.
Un grupo de expertos independentes responsables do desenvolvemento dos programas da Comisión Europea no ámbito da innovación foron os encargados de seleccionar as propostas que máis se axeitaban ao programa marco, entre os que saíu escollida a iniciativa galega.

Para José Manuel García Fernández, director de Factoría Eurodixital, este recoñecemento por parte da Unión Europea representa o “colofón a unha traxectoria que se iniciou fai agora 10 anos, cando un grupo de mozos entusiastas das novas tecnoloxías puxeron en marcha este proxecto con máis vontade que medios”.

0 comentarios: