A Xunta está a deseñar un Plan estratéxico de acción para impulsar a implantación e a difusión do software libre na Comunidade

A Xunta de Galicia está a traballar no deseño dun Plan de acción destinado a impulsar a implantación do software libre desde a Administración autonómica e a difundir e impulsar o seu uso entre o conxunto da cidadanía. Este proxecto está dirixido e xestionado pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, que centraliza todas as iniciativas públicas relacionadas co fomento e a promoción do software libre, de acordo coas estratexias marcadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT).

Este Plan de acción, cuxas directrices xa foron adiantadas as asociación do Sector TIC, nunha recente xuntanza de traballo, e que poden consultarse na web http:// imit.xunta.es, xurde do interese do Goberno galego por fomentar o software libre, dada a súa importancia para reducir a fenda dixital e para acadar un uso máis eficiente dos recursos públicos. Por ese motivo, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica decidiu apostar firmemente por procurar un aumento da eficacia das medidas que se están a executar para a difusión do software libre.

Ata este momento, foron varias as iniciativas postas en marcha desde a Administración galega para impulsar a implantación do software libre. Entre estas iniciativas figura mancomun.org, posta en marcha pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, pero que en ningún momento chegou a ter o rango de organismo ou de oficina, senón que se trata dun proxecto, que segue vixente.

As mencionadas accións a prol do software libre postas en marcha foron medidas illadas e carentes de coordinación e dunhas liñas estratéxicas que permitisen enmarcalas dentro dunha política xeral e global de promoción do software libre e garantisen a súa maior penetración entre a cidadanía, a Administración pública e o tecido empresarial.

Superar esas carencias é obxectivo das liñas de acción nas que traballa o Goberno galego, que buscará aumentar o retorno do investimento en software libre da Xunta de Galicia. O Plan de acción será cooperativo co resto das políticas e programas estratéxicos da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e transversal a todos os departamentos da Xunta.

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia lanzou a contratación dun concurso público aberto co obxectivo de contar co apoio dunha oficina técnica que lle dea soporte na elaboración das iniciativas e na execución das actividades de difusión e promoción do software libre. Esta oficina técnica, tal e como se especifica nos pregos do concurso, prestará apoio técnico á Fundación na definición e execución das actividades e iniciativas de software libre, mentres que continuará a ser responsabilidade da Fundación a coordinación integral do proxecto en todas as súas facetas e a relación cos axentes implicados: universidade, Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre, etc.

Ademais, dentro da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia traballan técnicos encargados especificamente da coordinación e execución das actuacións relacionadas co software libre, que reciben o apoio do resto do persoal especializado da propia entidade e coordinados co resto de iniciativas e proxectos encadrados nas políticas de desenvolvemento da Sociedade da Información da SXMIT.

0 comentarios: