Fillos de Galicia ofrece a xestión e dirección dos seus proxectos na Rede

A asociación responsable da principal rede social da emigración galega en Internet, Fillos de Galicia, unha comunidade virtual que ten como obxectivo manter e divulgar a galeguidade entre os descendentes da diáspora galega, vén de anunciar que ten intención de traspasar os seus proxectos na Rede a outras entidades ou particulares que poidan xestionalos e melloralos, entre eles o máis coñecido, Fillos.org.

A decisión foi tomada logo dun ano de interinidade na dirección desta asociación cultural, e logo de comprobar que malia os repetidos intentos de promocionar o proxecto Fillos.org, o portal máis coñecido da entidade, o número de usuarios que entraron para formar parte do grupo, non superou o 1 por cento.

Fillos.org, unha rede social con máis de 6.800 galegos e descendentes adscritos, foi creada en 1997 por Manuel Casal Lodeiro, un informático fillo de galegos emigrados a Biscaia, que posteriormente dou lugar á creación da asociación Fillos de Galicia para darlle soporte legal e “organizar un grupo de xente comprometida coa galeguidade que fose axudando a definir o proxecto”.

Agora, tras 13 anos de actividade na Rede, os responsables deste proxecto reclámanlle a algunha persoa ou entidade privada que se faga cargo da mesma xa que, segundo palabras do seu creador, “sen unha dirección eficaz é inútil”.

Casal Lodeiro afirma que prolongou a súa adicación ao proxecto “canto puiden” pero logo de varios anos advertindo que o proxecto dependía demasiado do seu compromiso persoal e da súa coordinación diaria, tivo que renunciar por motivos persoais a seguir nos postos directivos da asociación, algo que tamén anunciou o seu presidente un ano atrás.

A suma de “circunstancias persoais e económicas” levan agora á asociación a recoñecer que “non é quen de continuar cos proxectos”, e pídenlle a terceiras persoas que o intenten xa que “o noso público é importante e está aí, na Rede, agardando que alguén lle siga a fornecer cultura galega e contacto co país”.

É por isto que a asociación vén de publicar unha convocatoria aberta a toda a cidadanía, á procura dun relevo na xestión e dirección dos seus sitios web, tanto de Fillos.org, como de Galeguidade.net, eTIqueTAL.com, Debulla.info, Nome-Galegos.info e Planeta-Galego.info entre outros dominios.

Mais iso si, os responsables da iniciativa lembranlle ás persoas interesadas en dirixir o proxecto que Fillos.org “é xa o sétimo centro galego do mundo en número de usuarios”, máis non así en solvencia económica, claro está.

0 comentarios: