A galega Buscadestinos.com promove a Rede participativa coa súa oferta de hoteis a 1 euro


A páxina galega Buscadestinos.com, especializada en aforrarlles tempo e esforzos aos usuarios da Rede que anden procurando un lugar ao que desprazárense, vén de anunciar o lanzamento dunha interesante oferta dirixida a poñerlles as cousas aínda máis doadas (e máis baratas tamén) aos internautas, tanto aos que viaxan longas distancias como aos que non. Máis polo miúdo, trátase da promoción X1EURO, lanzamento que consiste en pór cada semana, ao alcance de 15 membros da comunidade en liña, unha noite de hotel polo prezo de 1 euro. A oferta vén con dúas peculiaridades. Primeira: a estancia levarase a cabo nun hotel da cidade na que reside o gañador. Segunda: á volta da estancia, os gañadores teñen que completar un comentario sobre o establecemento en cuestión e dos lugares que recomenda visitar da cidade, amais de pasarlle a Buscadestinos dúas fotos e un vídeo da experiencia.

A canle para elixir a quen se vai facer con esta promoción é a seguinte: a través dun concurso que se desenvolve cada luns (e os venres no caso de haber repesca) na páxina do servizo galego no Facebook. Segundo apuntan os responsables desta iniciativa, a resposta da xente está a ser moi boa, acadándose un amplo nivel de participación (sobre todo de internautas galegos) e de repercusión, sendo moitos os usuarios que logo dan conta da súa experiencia en cadanseu blog ou espazo de rede social (Twitter, Facebook, etc), favorecendo o “boca a boca”. Para facérmonos unha idea, a día de hoxe xa hai máis de 2.000 persoas inscritas na promoción.

“O mellor de todo isto”, sinala José Alcañiz dende Buscadestinos.com, “é que tamén beneficia aos usuarios da nosa web, que deste xeito contan con comentarios de máis calidade sobre os hoteis, ademais de valoracións de persoas que residen na cidade de destino, que sempre son valoradas”. Podemos consultar as bases da promoción nesta ligazón, e nesta outra algúns dos comentarios dos internautas gañadores.

0 comentarios: