Os blogs chegan á Universidade como ferramenta de ensino-aprendizaxe

Un grupo de docentes da Universidade Rey Juan Carlos veñen de atoparlle a utilidade que merecen as novas tecnoloxías aplicadas ao ensino, e acaban de adoptar o blog como método habitual na súa docencia, unha ferramenta en liña que lle engade creatividade e orixinalidade aos días lectivos dos universitarios.

A novidade deste proxecto, no que a entidade académica é pioneira, radica en que non só lle permite aos estudantes facer entradas nunha determinada web, senón que os profesores e profesoras poden ter en conta, á hora de poñer a nota, as puntuacións que os compañeiros de clase se deron entre sí.

Uns 350 estudantes de media ducia de asignaturas xa levan catro anos participando nesta experiencia, que puxo en funcionamento o Departamento de Sistemas Telemáticos e Computación, para levalo a cabo en asignaturas de carácter non técnico.

O sistema, segundo explican os seus responsables, é moi doado: os estudantes dunha determinada asignatura teñen que crear un blog e sindicarse a un planeta, unha web na que as entradas que fan os estudantes nas súas propia bitácoras se van agregando por orde cronolóxico inverso, como se formasen parte dun único blog.

Pese a que os blogs xa se empregan de maneira moi frecuente noutras universidades, o que fai diferente a esta iniciativa é que lle permite aos estudantes puntuar e valorar as aportacións dos seus compañeiros nun único planeta, repartindo os puntos dos que dispoñen (que teñen un límite) entre as entradas que consideren mellores.
A principal vantaxe desta ferramenta radica en que os estudantes vense na obriga de crear os seus propios contidos e non ser meros consumidores do que lles colgan os seus profesores e isto permite que se impliquen máis no proceso de ensino-aprendizaxe.

Outra das vantaxes que sinala o profesor Gregorio Robles, un dos precursores da iniciativa, é que “como os alumnos son libres tamén para comentar dende un punto de vista persoal aspectos da asignatura, ao final consegues crear lazos entre eles baseados na materia e que se coñezan pese a estar en campus distintos”.

O departamento de Sistemas Telemáticos e Computación é moi activo no uso das novas tecnoloxías na metodoloxía docente. Case todas as materias que imparte en diferentes graos e masters están en Internet en aberto, o que supón que calquera pode descargarse os contidos (PDFs, vídeos, etc). Ademais do material do profesor, pódese consultar toda a actividade da clase en foros e chats.

0 comentarios: