En marcha un certame de fotografía na Rede para celebrar o Día Mundial da Auga

O vindeiro 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga e a Rede xa comeza a tomar posicións sobre este importante evento. E máis aínda se temos en conta a gravidade do cambio climático que xa comezou e o descontrol que está a sufrir no mundo o ciclo da auga por mor do quecemento da Terra, con países como o noso onde definitivamente chove de máis e outros como Kenya onde levan case cinco anos sen ver caer unha pinga do ceo. Volvendo ás iniciativas da Rede, sinalar que a problemática está presente en blogs como Ecologismo.com e Fotografia.net, dous espazos onde (segundo informan os seus responsables directos) se quere mobilizar á comunidade internauta para que caia na conta da importancia da auga e a súa calidade, co fin de contribuír á conservación do medio e do benestar social.

Así, dende os devanditos portais, pertencentes á rede Ocio Networks, veñen de pór en marcha o concurso de fotografía A auga é vida para celebrar o 22 de marzo, efeméride que este ano se dedica á calidade da auga co fin de demostrar que esta é tan importante como a calidade á hora de xestionar os recursos hídricos.

O certame, que xira arredor da auga como temática principal e unificadora (auga como fonte de vida, procedente de océanos, ríos ou lagos), fica xa aberto a tódolos internautas que queiran participar.

O único requirimento que se lles pide é que lle fagan chegar á organización do certame un máximo de tres fotografías en formato electrónico a través do seguinte enderezo: comunicación@dmdima.com. O prazo de recepción dos traballos remata o vindeiro 21 de marzo. Os gañadores daranse a coñecer ao día seguinte.

Para a elección da imaxe gañadora non só se terá en conta a calidade da fotografía, senón tamén a súa capacidade para reflectir a importancia da calidade da auga como achega a prol da conservación dos ecosistemas sans. O premio a recibir non será outra cousa que un ecosistema en miniatura, o que se coñece como ecoesfera, un desenvolvemento dos científicos da Nasa que constitúe o primeiro sistema de equilibrio natural autosuficiente e pechado.

0 comentarios: