A partires do 2 de xaneiro o horario da Rede será o seguinte:
Luns-martes-mércores-xoves de 10:30-14:00 e de 16:00-20:30 os venres de 9:30-15:00.
Un saúdo
Novo horario da Rede de Dinamización
8/1/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Obradoiros e cursos en Ordes
A wikipedia apaña 4,5 millóns para seguir adiante

De euro en euro até superar a barreira fixada pola Fundación Wikimedia para manter as máquinas a bo ritmo un ano máis.
En apenas seis meses, 125 mil persoas rebuscaron euros no peto para deixarlle doazón á Fundación Wikimedia. A maior parte da inxección económica, chega da parte de internautas particulares que na medida das súas posibilidades quixeron axudar a que proxectos como a Wikipedia, buque insignia da fundación, sigan adiante. Ademais, 1,4 millóns de euros chegan dun pequeno número de "grandes doadores" con maior desafogo económico.
"Todos estes ingresos cubrirán os nosos gastos de operacións para o actual ano fiscal, que finalizará en xuño de 2009", apunta o fundador do proxecto, Jimmy Wales. "Esta doazón faivos defensores clave da cultura da libre circulación", sinala Wales, debullando en que gastarán os cartos: "no continuo desenvolvemento e innovación de software de código aberto que fai posíbel a existencia de todos os proxectos de Wikimedia", en eventos de difusión como os obradoiros Academias da Wikipedia e en apoio aos voluntarios de todo o mundo.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: No mundo
España é un dos países de Europa con menos conexións á Rede dende o fogar
Segundo vén de anunciar o Instituto de Estudios Económicos (IEE), o acceso a Internet dende os fogares do noso país durante o pasado ano 2008 non foi que digamos un éxito e mantívose ata 9 puntos por debaixo da media europea (60 por cento), situándose nunha porcentaxe de 51.
En comparación co ano 2007, España mellorou a porcentaxe de fogares que teñen acceso á Rede en 6 puntos, pasando dun 45 por cento a un 51 por cento, mais non foi suficiente e aínda estamos bastante alonxados de países como Suecia (84 por cento), Dinamarca (82 por cento), Luxemburgo (80 por cento) e os Países Baixos, que lidera a listaxe de países con conexións á Rede dende o fogar coa frioleira dun 86 por cento de accesos.
Por detrás de España tan so se sitúan oito países da Unión Europea: Lituania (51 por cento), Hungría (48 por cento), Polonia (48 por cento), Portugal (46 por cento), República Checa (46 por cento), Grecia (31 por cento), Rumanía (30 por cento) e Bulgaria (25 por cento).
7/1/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Novas España, Tecnoloxía
As imaxes máis célebres da historia xúntanse nunha web
Son aquelas que mudaron o mundo. Entre elas, a nena vietnamita que foxe do napalm ou as aínda non esquecidas Torres Xemelgas.
A web Photos that Changed the World recolle as fotografías máis célebres da historia, dende aquela imaxe da nena vietnamita que fuxía, núa e chorando, dun ataque estadounidense con napalm; ou a ollada da moza afgá que ilustrou a máis famosa primeira capa da revista National Geographic. Tamén está o coñecido beixo de Alfred Eisenstaedt ou a Ovella Dolly.
As fotografías pódense comentar e votar, así como propoñer algunhas novas, que van formando un mosaico cadrada na interface principal desta web.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Webs
Xuventude Galiza Net fai este ano ao seu décimo aniversario con nova sede
O encontro informático Xuventude Galiza Net chega este ano á súa décima edición. O evento organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade vai ter moitas novidades, tal e como se anunciara na pasada convocatoria.
Segundo se informa na web oficial, Xuventude Galiza Net 09 terá lugar do 3 ao 5 de abril no Multiusos Fontes do Sar, en Compostela, o que permitirá contar cunha capacidade moi superior á das edicións anteriores. Isto tamén permitirá que se amplíe o límite de idade: poderán asistir persoas de 16 a 35 anos.
As persoas que se rexistraron na web para XGN08, aínda que non obtivesen praza, teñen sitio asegurado para o décimo aniversario. Só teñen que activar a súa conta e facer o pagamento antes do 31 de xaneiro. O resto da xente pode efectuar a preinscrición como até agora. A data será o 14 de febreiro ás 17 horas.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Encontros, Novas Galiza
Xa está na rede Windows 7

A primeira versión de proba do seguinte sistema operativo de Microsoft foi subida ás redes de intercambio de arquivos.
A primeira versión de proba do próximo sistema operativo de Microsoft xa se filtrou na rede. Aínda que Windows 7 Beta está anunciada oficialmente para xaneiro, xa se pode descargar a través de sistemas de intercambio de arquivos a imaxe do DVD.
Microsoft decidiu adiantar o lanzamento de Windows 7 despois de que o seu inmediato antecesor, Windows Vista, non acadase as expectativas depositadas nel. Parece ser que a versión que xa se pode descargar libremente é auténtica, segundo se informa en diversos medios da internet.
Como adoita acontecer nestes casos, descoñécese de onde procede a filtración, aínda que as primeiras informacións proveñen de foros chineses e rusos. En calquera caso, a versión de proba só funcionará até o 1 de xullo de 2009.
5/1/09 | Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: No mundo, Tecnoloxía
O ano do iPhone, dos ultraportátiles e das redes sociais

Co remate do ano 2008 é o momento de facer balance de todo o que aconteceu nos últimos 12 meses. Así, Cnet fai unha recompilación das novas tecnolóxicas do ano. A web especializada en información relacionada coas tecnoloxías da información salienta temas como o éxito do iPhone, o uso da rede na campaña presidencial estadounidense, o intento de compra de Yahoo por parte de Microsoft ou o futuro das redes sociais.
Un dos monográficos-resumo está dedicado a Apple, unha empresa que viviu un ano excepcional economicamente, grazas tanto ao éxito do iPhone como ao aumento da cota de mercado dos seus computadores Mac, que se suman ao xa asentado iPod.
Os cambios que se están a producir nas campañas electorais tamén son motivo de análise, como demostrou o uso que os políticos xa fixeron de cara as eleccións presidenciais dos EUA. Fálase, ademais, da fortaleza do sector dos videoxogos fronte á crise económica, grazas á popularidade dalgúns dos seus títulos e á baixada de prezo das consolas.
Outro dos asuntos que se analizan é o futuro de redes sociais como MySpace, Digg ou Facebook, que amosaron o seu poder no proceso electoral estadounidense pero que non atopan recursos para conseguir financiamento. O ano 2008 estivo marcado, ademais, pola tentativa de compra de Yahoo por parte de Microsoft, empresa que aínda non renunciou completamente a acadar algún acordo co que fora líder dos buscadores antes do imperio Google.
Novos trebellos
A parte tecnolóxica protagonizárona fenómenos como a plataforma libre de telefonía móbil Android, proposta por Google, e que está chamada a madurar en 2009, ou o nacemento das tecnoloxías verdes fronte ao cambio climático. O éxito dos Netbooks, pequenos computadores portátiles de baixo custo e prestacións axustadas foi outro dos aspectos salientábeis do ano que remata.
Foron 12 meses onde houbo tempo para fracasos, como o de Windows Vista, que obrigou Microsoft a adiantar o seu seguinte sistema operativo, Windows 7, do que xa sae a súa primeira beta. Asinouse, así mesmo, a acta de defunción do HD-DVD, chamado a ser sucesor do DVD, fronte ao BluRay, que, por outra banda, tampouco está a acadar o éxito esperado.
Houbo tamén momento para sustos, como varios fallos graves nos protocolos que rexen a internet e que puideron ser empregados para cometer ciberdelitos, que de seguro continuarán en 2009. Sentáronse, ademais, as bases para a persecución do intercambio de arquivos nalgúns países, ou mesmo no Estado Español, cunha campaña do Ministerio de Cultura que provocou as protestas dos internautas.
Por outra banda, xusto antes da crise económica, produciuse un importante nacemento de novos proxectos na web e de tecnoloxía en liña, mentres Google segue a estender as súas extremidades a outros campos, como o lanzamento dun navegador de seu: Chrome.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: No mundo, Tecnoloxía
Un de cada dous internautas participa en redes sociais
A metade dos internautas son usuarios das redes sociais, segundo un estudo analizado polo OGSI. O informe, publicado en novembro por Zed Digital, leva por título 'Estudo sobre os blogs e a publicidade en contornos 2.0'. Segundo os seus datos, aínda ha un 12% de internautas que non coñece este tipo de servizos, mentres que outro 38% coñéceas mais non as usa.
O perfil de coñecedores das redes sociais é de xente nova de entre 16 e 30 anos, clases altas e núcleos urbanos. Tamén teñen equipamento tecnolóxico por riba da media e fan uso da rede en maior medida ca o termo medio da poboación, máis de dúas horas diarias. Tamén fan menos uso da televisión.
Segundo a análise que fai o Observatorio Galego da Sociedade da Información deste estudo, a rede social preferida dos usuarios é YouTube, mentres que un 59% fai uso da Wikipedia.
O OGSI tamén fai un repaso aos informes presentados durante o ano 2008 sobre o mesmo tema, como a Guía legal sobre redes sociais publicada polo Observatorio da Seguridade da Información de Inteco. Lembra, ademais, o monográfico O uso de internet nas redes sociais de Galiza, publicado en 2007 polo OGSI e elaborado por María Yáñez e Berto Yáñez
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: No mundo, Tecnoloxía
Premian á web buceofinisterre.com

A revista especializada Espacio Submarino celebrou nos pasados días os IV Premios Galicia Submarina coa colaboración de Caixanova e Deporte Galego, aparecendo entre os galardoados a web de Buceo Finisterre, como a mellor do sector.
Os irmáns Alicia e Fernando Carillo Lago recibiron o premio pola súa creación electrónica nun acto no que acudiu o director de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, deixando así constancia da cantidade de páxinas web que falan Costa da Morte así como do interese que ten para os afeccionados ao mergullo a Internet, que serve de plataforma para a publicación de imaxes, vídeos, consellos e novas, así como para relacionarse con outras persoas cos mesmos intereses.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Webs
O Boletín Oficial do Estado só se poderá consultar por internet
O 1 de xaneiro de 2009 déixase de editar en papel o Boletín Oficial do Estado (BOE) en papel. Por mor da Lei para o Acceso Electrónico aos Servizos Públicos, que garante o acceso da cidadanía ás Administracións a través das TIC, o xornal oficial deixará de estar dispoñíbel na súa versión impresa e só se poderá acceder a el a través da internet.
A edición dixital do BOE terá a mesma validez legal da impresa. Aínda así, seguiranse a imprimir algúns exemplares para o seu arquivo físico. Para garantir que a cidadanía sen acceso á rede poida consultar o boletín, todas as oficinas de información e atención cidadá da Administración xeral do Estado dispoñerán dun terminal de consulta pública e impresión do xornal.
O BOE é o periódico máis antigo do Estado Español dende o seu nacemento como Gaceta de Madrid en 1661. Todas as edicións, dende o primeiro número, pódense consultar tamén na súa versión en PDF dende o ano 2003. Actualmente a web do BOE é a máis visitada da Administración, con 2,5 millóns de consultas ao día.
O Goberno Español calcula que se aforrarán tres millóns de euros netos, ademais de evitar talar 45 mil árbores ao ano, 10 millóns de litros de auga e 500 megavatios de enerxía. Anteriormente abandonaran o papel o Diari Oficial da Generalitat Valenciana, que se deixou de imprimir o 1 de xaneiro de 2007, e o Diari Oficial de la Generalitat de Catalunya, que fixo o mesmo o 30 de xuño daquel ano.
Inserido Rebeca Sánchez 0 comentarios
Etiquetas: Novas España, Webs

