O Boletín Oficial do Estado só se poderá consultar por internet

O 1 de xaneiro de 2009 déixase de editar en papel o Boletín Oficial do Estado (BOE) en papel. Por mor da Lei para o Acceso Electrónico aos Servizos Públicos, que garante o acceso da cidadanía ás Administracións a través das TIC, o xornal oficial deixará de estar dispoñíbel na súa versión impresa e só se poderá acceder a el a través da internet.

A edición dixital do BOE terá a mesma validez legal da impresa. Aínda así, seguiranse a imprimir algúns exemplares para o seu arquivo físico. Para garantir que a cidadanía sen acceso á rede poida consultar o boletín, todas as oficinas de información e atención cidadá da Administración xeral do Estado dispoñerán dun terminal de consulta pública e impresión do xornal.

O BOE é o periódico máis antigo do Estado Español dende o seu nacemento como Gaceta de Madrid en 1661. Todas as edicións, dende o primeiro número, pódense consultar tamén na súa versión en PDF dende o ano 2003. Actualmente a web do BOE é a máis visitada da Administración, con 2,5 millóns de consultas ao día.

O Goberno Español calcula que se aforrarán tres millóns de euros netos, ademais de evitar talar 45 mil árbores ao ano, 10 millóns de litros de auga e 500 megavatios de enerxía. Anteriormente abandonaran o papel o Diari Oficial da Generalitat Valenciana, que se deixou de imprimir o 1 de xaneiro de 2007, e o Diari Oficial de la Generalitat de Catalunya, que fixo o mesmo o 30 de xuño daquel ano.

0 comentarios: