Para febreiro hai xa programadas numerosas actividades de variada temática e dirixidas a diferentes colectivos

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que o pasado día 22 cumpriu dous anos, impartiu no mes de xaneiro un total de 123 obradoiros sobre as Novas Tecnoloxías, que supuxeron 931 horas e a través dos que se formou a 586 persoas.

Os máis impartidos foron “Iniciación á Informática” e “Iniciación á Internet”, nun total de 19 ocasións cada un. “Alfabetización dixital: Informática e Internet”, “Creación dunha conta de correo electrónico” e “Mecanografía” foron, por esta orde, os seguintes na lista.

A través dos obradoiros formouse a un total de 586 persoas, das que 425 foron mulleres (o que supón un 73%). Ademais, 706 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que esta oferta.

Programación para febreiro


No mes de próximo, entre os numerosos obradoiros e iniciativas que se van levar a cabo, cabe destacar algúns como son:

- Monte Porreiro (Pontevedra): “Monte Porreiro en Cores” terá como obxectivo desenvolver un blog. Neste exporanse unha serie de cadros realizados polos asistentes a un curso no que a pintora Sabela Canitrot ensina as claves do traballo pictórico. Cada xoves fotografiarase un cadro; esta fotografía, xunto cun comentario do autor ou autora, subirase ao blog.

“Fieitiña na Rede”: tamén en Monte Porreiro dotarase de contido a outro blog para expoñer os traballos realizados pola “Asociación de Palilleiras A Fieitiña”.

- Cambados: impartirase a “Charla sobre o Software Libre na empresa”, que se celebrará na primeira quincena de febreiro en Cambados e que terá como destinatarios ao alumnado de IES e Ciclos de Formación Superior.

- Allariz: “Internet básico para pais e nais” é unha iniciativa que terá lugar en Allariz na primeira quincena do mes e estará dirixida á escola de familias “A orella verde”. Con esta preténdese que os pais e nais se acheguen ao mundo da Internet, ao que os rapaces e rapazas adican cada vez máis tempo. A finalidade das charlas, que se desenvolverán en 7 sesións, é cubrir un oco que moitos pais e nais teñen sobre sobre en qué páxinas navegan ou seus fillos/as ou a que contidos e riscos se poden ver expostos.

O autobús da Rede de Dinamización repartirá copias do Galinux polas vilas galegas


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, pon en marcha un autobús informativo sobre as novas tecnoloxías que, a partir do xoves 29, percorrerá 15 municipios galegos durante un total de 15 días.

O autobús permanecerá un día en cada unha das localidades -aproximadamente de 11.00 a 15.00 e de 14.00 a 20.00 horas- para dar a coñecer as actividades da Rede de Dinamización, pero tamén para presentar o Galinux, o completo sistema operativo de fontes abertas en galego desenvolvido por Mancomún.

O vehículo estará equipado con computadores instalados integramente con software libre, así como con conexión a Internet. A estes terminais poderá acceder libremente a xente que visite esta unidade móbil nas horas estabelecidas pola organización para tal fin.

Asemade impartiranse diferentes actividades en volta das novas tecnoloxías como poden ser, entre outras, a realización dun obradoiro de Alfabetización dixital: Informática e Internet, a proxección de vídeos sobre a Rede ou a distribución de folletos informativos e copias do Galinux á poboación do lugar.

A finalidade desta iniciativa, ao igual que a de todas as actuacións previstas pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, é a de seguir achegando as novas tecnoloxías, baseadas en estándares e códigos abertos, e a sociedade da información a toda Galicia.

Printed Blog, o semanario feito con contidos extraídos de blogs


Nun momento no que as cabeceiras de prensa ven reducidas as súas vendas e teñen que acometer recortes no seu cadro de persoal chega a Chicago e San Francisco unha nova publicación, The Printed Blog, que vai contracorrente ao estar composta por contidos nacidos na blogosfera e que se distribuirá semanalmente.

A nova publicación contará cunha tiraxe de 2.600 copias, será de balde, e repartirase por correo e en varios puntos do centro das cidades mencionadas con anterioridade. Amais, non fai uso de grandes imprentas para trasladarse ao papel, senón que son os propios distribuidores os que imprimen o xornal para logo repartilo.
Esta iniciativa está a captar moita atención dende todo o mundo, polo que é de agardar un éxito inicial, aínda que conceptualmente pareza un erro absoluto, xa que os textos realmente escritos para a Internet non deberían poder trasladarse de xeito doado ao papel, pois se perderían as ligazóns e a interacción con lector, detalles que The Printed Blog deberá afrontar dalgún xeito convincente.

A Arteria Noroeste convoca un curso de mestura dixital para músicos

Artenet, o departamento de nova creatividade da Arteria Noroeste (SGAE) en Santiago de Compostela, segue a organizar iniciativas de formación vinculadas ás tecnoloxías como instrumentos e materias primas. Nesta liña é onde se insire o curso Mestura e Mastering Dixital, unha achega de aprendizaxe dirixida a favorecer o traballo e máis a capacidade creativa dos músicos á hora de enfrontarse cun labor de mestura. Máis polo miúdo, o que se pretende é contribuír a que os alumnos optimicen ao máximo o uso das ferramentas que os secuenciadores de audio dixital subministran a día hoxe co fin de acadar un son máis profesional e rematado.

O curso, encamiñado sobre todo a músicos e técnicos interesados no audio dixital con coñecementos básicos de algún software secuenciador de audio (ProTools, Cubase, Logic), comeza o 9 de febreiro e esténdese até o 4 de marzo, ao longo de 40 horas lectivas.

As persoas interesadas en participar na iniciativa, que vai estar dirixida por Javier Abreu, deberán contactar cos responsables de Arteria Noroeste a través do correo gnieves@sgae.es. Lembrar que a sede da SGAE en Galiza está no parque de Vista Alegre de Santiago, concretamente na rúa das Salvadas.

Nokia selecciona un proxecto galego para a súa plataforma móbil

Unha aplicación galega foi seleccionada por Nokia para contribuír ao seu desenvolvemento de cara á próxima versión da súa plataforma de código aberto para dispositivos móbiles, Maemo. Xunto a outros sete proxectos, Vagalume, reprodutor musical integrado na rede social Last.fm, recibirá axuda, promoción e financiamento da compañía finlandesa para formar parte do lanzamento de Maemo 5.

O proceso de selección iniciouse cunha enquisa entre a comunidade de Maemo para escoller os seus candidatos a recibir as Estrelas Fremantle (nome clave da nova versión da plataforma).

Vagalume é un proxecto patrocinado pola empresa galega Igalia e desenvolvido por un equipo liderado por Alberto García, aínda que, como software libre que é, recibe achegas de xente de todo o mundo. É un cliente de Last.fm que funciona en contornos de escritorio Gnome, aínda que está especialmente deseñado para a plataforma Maemo, e mesmo dispón dunha versión para Windows.

Galiza Rebelde, nova página de información alternativa e transformadora


Galiza Rebelde é unha páxina de información alternativa de carácter comunitario e transformador.

O seu obxectivo é construir un espazo colectivo de comunicación popular para difundir novas, artigos de opinión, convocatorias, etc. de Galiza e do mundo, que non teñen espazo nos medios convencionais, e no cal as achegas desde e para a comunidade son a esencia do proxecto.

Os media do sistema obedecen a intereses económicos e políticos moi concretos, polo que manipulan a realidade e silencian as novas que non lles conveñen. Fronte a iso, Galiza Rebelde pretende recompilar toda a información que proceda de medios alternativos ou sexa de interese para o proxecto de transformación social que defendemos. Desde unha óptica anticapitalista, nacionalista e antiimperialista, pretendemos ofertar un espazo no que dar voz aos diferentes movementos sociais, organizacións políticas e persoas que traballan en chave transformadora no noso país e no mundo.

En Galiza Rebelde cada quen achega as ligazóns ás novas que máis lle interesen, e é a propia comunidade a que as valora e define o lugar que lles corresponde. Ademais, os usuarios poden deixar os seus comentarios nas diferentes novas.

Aspiramos tamén a servir de punto de encontro e de debate (preferibelmente non de discusión..) dos movementos sociais e organizacións diversas do país, para que difundan aquí as súas actividades e reflexións, conformando un espazo na rede que teña como base o diálogo, o respecto mútuo e a crítica construtiva.

Google botaralle unha man aos internautas que queiran saber se os operadores pechan a billa

Malia que non hai moitos sinais que o amosen de xeito definitivo, unha boa cantidade de internautas afeitos ao intercambio de música e filmes na Rede teñen claro que as operadoras lles pechan en maior ou menor medida a billa de acceso co fin de que se descargue o menos posible. Isto, que comunmente se coñece como capar ao P2P, vén a ser a aplicación na Rede de múltiples procesos previos na vida non virtual: moi poucos produtos que se venden responden finalmente ás expectativas. Este labor constante de redución dos dereitos dos consumidores ten na Internet unha chea de facianas, pero a máis coñecida segue a ser a da limitación sutil e progresiva do que nun principio se ofrecía. Os internautas, fartos desta situación, levan meses reclamando máis e mellores xeitos de verificala. A queixa semella que non está a caer en saco roto, e xa hai quen parece botar unha man: Google.

O buscador, ultimamente moi a favor dun emprego da Internet o máis libre posible, vai poñer en funcionamento unha ferramenta que favoreza de xeito directo a comprobación do delito. Ou sexa: que nos axuda a saber se o ISP contratado ás empresas que achegan acceso á Rede se respecta.

Segundo apuntan estes días Enrique Dans ou Elpais.es, o programa de Google xa ten unha base sólida: a dun acordo asinado con diversas entidades sen arela de lucro que loitan dende hai tempo por unha Internet sen restricións e que non atente aos dereitos dos seus usuarios. En virtude deste achegamento, estes entes veñen de desenvolver Measurement Labs, plataforma de software libre aberta aos investigadores que queiran tomarlle o pulso ás conexións de toda a Rede. Polo que respecta aos redeiros de a pé, dicir quen en breve se porá ao seu alcance ferramentas que lles axuden a avaliar o nivel de tráfico de datos da súa conexión e comprobar deste xeito se o seu ISP limita determinadas accións. Con todo, xa é posible facer uso destas aplicacións dende o sitio de Measurement Labs.

Preséntase en Ribadeo o programa Memoria de muller

Este mércores presentouse en Ribadeo o proxecto Memoria da Muller, que vai desenvolver a Rede de Dinamización da Sociedade da Información. No acto participaron a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia.

O programa pretende achegar as mulleres ás novas tecnoloxías e á Sociedade da Información e amosarlles a súa utilidade. Deste xeito, preténdese reducir a fenda dixital que lle afecta a este colectivo, especialmente no rural. Memoria de Muller, ademais, contribúe á recuperación da memoria histórica, persoal e sociocultural de cada concello a través dos relatos persoais das mulleres participantes, que se converten en protagonistas e artífices do proceso.

As asistentes actúan motivadas por unha implicación afectiva ao estar relatando pasaxes da súa vivencia recollidas da memoria. Para acadar o obxectivo, as mulleres elaboraron un vídeo con fotografías e imaxes propias, ás que lles engadiron a narración da súa propia historia dende unha perspectiva de xénero. Empregaron a súa voz e o son ou músicas que consideraron oportunas.

No ano 2008 leváronse a cabo 23 iniciativas de Memoria da Muller. En Ribadeo presentáronse cinco historias: A romaría de Santa Cruz, Nai non hai máis que unha, Muller que emigrou dúas veces, As miñas vivencias e A ría de Ribadeo.

En cada proxecto participan de 4 a 8 persoas, maiores de 50 anos, guiadas por unha persoa dinamizadora, que lles axuda a escribir a historia, seleccionar as imaxes, escanealas e tratalas, montalas, narralas e sonorizalas, labores que efectúan as mesmas participantes. Previamente reciben obradoiros que lles fornecen as destrezas necesarias para elaborar o vídeo.

A iniciativa Memoria de Muller enténdese como un proxecto de recuperación da muller galega para que se poida preservar e rescatar do esquecemento, dándolles a voz ás mulleres a través das novas tecnoloxías para transmitirlles esa memoria ás vindeiras xeracións. O paso final inclúe unha presentación, no concello onde se realizaron, dos vídeos, para o recoñecemento do traballo das súas protagonistas. Ao remate, difúndense por internet todas e cada unha das historias mediante un portal específico.

AGESTIC e Xóvenes Agricultores comezan esta semana a súa xira para a promoción da Rede no rural




O programa Impulso Rural que na nosa terra están a desenvolver AGESTIC e Xóvenes Agricultores chegou esta semana a unha fase crucial da súa aplicación práctica: a xira de espallamento dixital polos eidos da nosa xeografía máis afastados das grandes cidades. A iniciativa, que se vai desenvolver entre xaneiro e marzo e que conta co apoio do Ministerio de Industria, inclúe 60 accións formativas noutras tantas localidades das nosas catro provincias. O obxectivo: fomentar fóra das grandes cidades a aposta pola Sociedade da Información, plena de vantaxes para absolutamente todos os sectores económicos e sociais do rural: até para os teoricamente máis afastados da cousa dixital. Máis polo miúdo, o que se pretende é afianzar os usos das redes da información na xestión das explotacións agro-gandeiras, cooperativas, empresas autónomas, negocios turísticos ou teletraballo.

Uns premios recoñecen os maiores fiascos das TIC no último ano


Os Fiasco Awards son unha iniciativa privada sen ánimo de lucro que quere premiar aos mellores proxectos, ideas, produtos ou servizos do sector das TIC que remataron converténdose nun auténtico fiasco, para manter vivo o espírito crítico vivo no sector, potenciar unha actitude positiva cara ao fracaso (entendéndoo coma unha etapa no camiño do éxito) e, de paso, divertir aos participantes.

A iniciativa está apadriñada pola Asociación Catalá de Enxeñeiros de Telecomunicacións, polo que non sorprende que entre os candidatos da primeira edición aparezan varias iniciativas que se limitaron ao seu ámbito xeográfico, coma Autonòmix, Maresme Digital ou o SAGA, pero o resto de candidatos poden resultar recoñecibles a nivel estatal e mesmo global, pois son: Google Lively, a radio dixital, Mobuzz TV, o proxecto One Laptop Per Child, Second Life e Windows Vista.

A votación destes premios está aberta ata o día 25 de febreiro, para que o día 26 poida celebrarse unha festa na que se darán a coñecer os gañadores do concurso que funciona mediante votación popular.

Botando un ollo aos candidatos desta primeira edición podemos distinguir claramente a proxectos mal xestionados, servizos que non resultaron viables economicamente e produtos dos que se vendeu a moto sobrevalorándoos, polo que a realidade supuxo un duro golpe para eles. ¿Cal destas categorías é a que o público considera que digna de chamar fiasco? En poucas semanas o saberemos.