A Deputación da Coruña edita un CD-Rom que compila as principais ferramentas informáticas para o uso correcto do galego

O deputado responsable da área de Benestar Social, Políticas de Igualdade de xénero e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande, e a concelleira de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do concello da Coruña, Ermitas Valencia Romar, presentaron esta mañá, na sede da institución provincial, o CD-Rom e a páxina web " Recursos Lingüísticos".

Segundo explicou Xoán Manuel Sande, a Deputación da Coruña editou un total de 3.000 CD-Rom desta ferramenta informática, que serán distribuidos aos concellos e ás entidades sociais da provincia. Neste soporte informático inlúense "os recursos e ferramentas lingüísticas e sociolingüísticas máis destacadas que se poden atopar na rede", como ligazóns a dicionarios e vocabularios, tradutores, recursos para a aprendizaxe e mellora do noso galego e un amplo apartado denominado "Linguateca", no que o usuario poderá atopar dende enderezos relacionados coa toponimia e a antroponimia, ata enlaces nos que descargar programas informáticos de uso cotián en lingua galega.

A información incluída neste CD-Rom compleméntase cunha páxina web, que inclúe a posibilidade de descarga desta ferramenta informática, e que servirá como "punto de encontro" para escoitar as propostas e comunicacións das persoas que queiran achegar opinións e recursos.

A páxina web entrará en funcionamento nos vindeiros días na dirección web www.recursosparaogalego.com , e contará ademais cunha ligazón dende a páxina web principal da Deputación da Coruña www.dicoruna.es. Como o proceso non se presenta como un proxecto estático, xa que poden aparecer novos recursos, ou mudar os existentes, a páxina web servirá como elemento de actualización do CD-Rom.

Segundo explicou a concelleira responsable da área de Normalización Lingüística da Coruña, Ermitas Valencia, o concello herculino ven de adquirir 1.000 Cd-Rom, que ademais de ser distribuidos ás entidades da cidade, serán usados en obradoiros en diferentes asociacións "para dar a coñecer esta ferramenta informática de gran utilidade e complementar a labor da Deputación".

Ermitas Valencia considerou especialmente interesante a sección "Linguateca", que permitirá ás empresas e entidades obter software libre en galego, e destacou que o obxectivo principal desta acción é "prestixiar a lingua galega a través das novas tecnoloxías".

0 comentarios: