Arranca o cambRED con máis participantes da súa historia


A área de Xuventude do Concello de Cambre mailas asociacións da mocidade GXIC e AXOI veñen de darlle o pulo final á V edición da xuntanza informática cambRED, que reunirá ata o vindeiro domingo 2 de marzo a 150 internautas chegados de toda Galicia e doutras zonas de España como Valladolid ou Madrid.

Ó longo de tres intensos días, os participantes da cambRED concentraranse no pavillón polideportivo da localidade coruñesa e dende alí poderán competir, xogar, descargar contidos ou simplemente navegar pola Rede de Redes todo o que gusten.
Asemade, cambRED achega unha zona de lecer para os visitantes que non están inscritos na party informática con futbolín, ping pong, videoconsolas e xogos.
Malia que a apertura das portas está prevista para hoxe venres 29 de febreiro ás 17 horas, a inauguración oficial será ás 22 horas e contará coa presenza do concelleiro de Educación, Xuventude e Deportes, Xaime López Lisnier.

Aínda que un dos días de meirande actividade será o sábado 1 de marzo, co arranque de diversas competicións en liña (Counter Strike CSS, Trackmania Nations, Starcraft, Dance Revolution, Fast 2D e Quake 3) e con concursos de deseño gráfico, web, programación e seguridade, o venres xa se comezará a facer barullo co xogo Pro Evolution Soccer 2008 e coa gravación do programa Dance Factory de Los 40 Principales que traerá a unha das súas estrelas: Josiño Destroyer, quen fará entrega de agasallos e dará moitas sorpresas.

No tocante a outra parte esencial e case imprescindible en toda party que se prece, as charlas, tampouco faltarán en cambRED, estando previstas dúas para o sábado: ás 12:00 horas Andrés Julián impartirá unha charla sobre Criptografía e, as 16:00 horas, Miguel Gesteiro dará un relatorio-demostración sobre Inseguridade Wi-fi; ámbalas dúas estarán abertas a todo o público.

Este maratón informático pechará as súas portas o vindeiro domingo día 2 de marzo coa entrega de premios da man do concelleiro de Educación, Xuventude e Deportes de Cambre, Jaime López Lisnier.

0 comentarios: