Convocadas as axudas do 2008 para as radios municipais

A Secretaría Xeral de Comunicación volveu convocar para o ano 2008 unha liña de axudas para estimular a adquisición de equipamento que permita achegar os contidos e servizos de interese social, cultural e formativo de carácter local aos cidadáns. As subvencións irán destinadas a que os Concellos adquiran equipos para emisións de
radio municipal en FM co fin de de aumentar a pluralidade informativa. O prazo remata o 31 de marzo.

Os concellos galegos poden solicitar as axudas para a dotación de estudios radiofónicos e para a adquisición de equipamento para o funcionamento do servizo de radiodifusión (FM). Por outra banda, estabelécese unha liña de subvencións para a adquisición de equipamento audiovisual, multimedia e outros semellantes, pola necesidade de que os concellos poidan aproveitar ao máximo as potencialidades que presentan a incorporación de medios técnicos e novas tecnoloxías no eido da comunicación e a información.

Neste sentido, convócanse dúas liñas de subvención para a prestación do servizo de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, de carácter municipal (modalidade A) e para adquisición do equipamento audiovisual e multimedia (modalidade B).

Para as mencionadas axudas resérvase a cantidade de 140.000 euros, ás que poden optar os concellos galegos con concesión provisional ou definitiva do servizo de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia (modalidade A) ou aqueles que xustifiquen a necesidade do equipamento audiovisual e multimedia cun plan de actividades (modalidade B).

Para a distribución destas axudas nesta convocatoria do ano 2008 mantense a utilización dun procedemento de rateo do importe global máximo entre aqueles concellos que soliciten axudas, distribución xa establecida na convocatoria anterior, o que lles proporcionará unha contía igual a todos eles para facer os seus investimentos. No ano 2007 un total de 30 concellos recibiron subvención na modalidade A, mentres que 122 concellos se beneficiaron da modalidade B.

0 comentarios: