O Día de Internet deste ano terá ás redes sociais como protagonistas


O vindeiro 17 de maio, ademais de ser un día sinalado no calendario cultural galego por conmemorar o Día das Letras Galegas, vai destacar especialmente por celebrarse a cuarta edición do Día de Internet en España, que este ano contará coas redes sociais (como o Messenger e as comunidades virtuais) como grandes protagonistas.
A xornada deste ano vén de ser presentada hoxe, martes 14 de febreiro, na Secretaria de Estado de Telecomunicacións, e servirá para “promover o emprego de Internet entre a cidadanía, prestando especial atención ós non conectados”. Así o anunciaron os seus promotores entre os que se atopan Madrid Tecnoloxía, Telefónica, BBVA e Habbo.es.

Este ano optouse por darlle especial protagonismo ás redes sociais xa que se agarda que sexan o “gran boom do 2008 en Europa” como xa o foi en Estados Unidos o pasado ano.

Entre as iniciativas previstas para esta edición destacan, entre outras cousas, a posta en funcionamento da web www.diainternet.es que terá lugar no vindeiro mes de marzo. Dende esta páxina os internautas poderán votar o lema da xornada deste ano e participar activamente na celebración dos eventos (que na pasada edición superaron os 700).

O Día de Internet en España coincidirá asemade coa celebración do Día Mundial da Sociedade da Información e as Telecomunicacións.

0 comentarios: