Curtas na Rede 08

O martes 12 de febreiro, ás 12.00 horas, terá lugar no Club Internacional de Prensa a presentación da III edición do concurso de curtametraxes na rede coa presencia de Fernando Salgado, Dolores Rodríguez e Manuel J. Fernández Iglesias

A Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e o Consello da Xuventude de Galicia (CXG) presentan o III Concurso de Curtametraxes na Rede. Curtas na Rede.

Á rolda de prensa asistirán o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado; o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias e a presidenta do CXG, M.ª Dolores Rodríguez Amoroso. Así mesmo, tamén estará presente unha selección de gañadores da anterior edición e algúns entes colaboradores.

Deste xeito, dará comezo a III edición deste exitoso concurso que conta con novas e atractivas modalidades e que rematará o 29 de outubro de 2008 cun acto de entrega de premios.

Curtas na Rede vai dirixido a todas as persoas, a partir dos 15 anos de idade en adiante, interesadas no mundo da creación audiovisual e multimedia. A inscrición é gratuíta e realizarase a través dun formulario que se atopa na páxina web: www.curtasnarede.es. O prazo de inscrición estará aberto dende o 14 de febreiro de 2008 ata o 8 de setembro de 2008.

Esta edición conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, a Axencia Audiovisual Galega, o Consorcio Audiovisual de Galicia, a Compañía de Radiotelevisión de Galicia (programa Onda Curta), a Compañía R. Cable e Telecomunicacións Galicia S.A, a Deputación da Coruña, a Fundación Caixa Galicia, o Consejo de la Juventud de España (CJE), a compañía Siemens, a Fundaçao da Juventude e a participación do Eixo Atlántico.

0 comentarios: