Santiago acolle unha mostra sobre o cálculo na historia: Dos ábacos ós computadores


Dende comezos deste mes de febreiro e até o vindeiro 26 de marzo, a Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela dá acollida a unha peculiar exposición que mostra o paso do cálculo histórico até o actual de xeito que o espectador comprobe de primeira man a espectacular evolución das tecnoloxías dos nosos días.

Comisariada por Manuel Bermejo Patiño, Dos ábacos aos computadores fai unha presentación diacrónica do proceso de cálculo na sociedade que culmina na chegada da informática, facendo fincapé na instrumentación actual para tentar amosar como pode ser o futuro.

Iníciase así cunha introdución aos métodos de cálculo na Humanidade, dende os ábacos na cultura oriental até o cálculo da cultura islámica, pasando polas achegas da cultura grecorromana. Xa o posterior progreso no cálculo matemático posibilita o deseño das primeiras calculadoras da historia como as máquinas de Pascal, Babbage, Hollerith ou Torres Quevedo. Por último, o desenvolvemento científico permite o deseño tecnolóxico de novas máquinas -os computadores- que actúan sobre o cálculo impulsando un maior desenvolvemento das matemáticas.

Nesta iniciativa da Vicerreitoría de Cultura co patrocinio de Caixanova amósanse moitas máquinas que o visitante coñecerá por si mesmo, como o primeiro IBM 1130 da USC, as máquinas perforadoras de tarxetas, as primeiras memorias electrónicas, aparellos de cálculos diversos e distintos compoñentes dos ordenadores, co obxecto de que a sociedade comprenda como foron evolucionando historicamente os computadores ata o que son hoxe. Boa parte destas pezas procede, ademais da USC, do Museo Pedagóxico de Galicia, do Centro de Supercomputación de Galicia e do Museo Naval de Ferrol.

0 comentarios: