Cen escritores de todo o mundo tiran partido da Rede para loitar polo medio ambiente


Agora que cuestións como a conservación do modelo de familia tradicional semella ser o gran motivo polo que manifestarse, resulta que tamén hai temas de importancia como a paz, a igualdade ou a preservación do medio ambiente. Ironías aparte, desta volta toca falar precisamente do uso da Rede como gran praza pública dende a que tentar facer ruído a prol dunha causa común: a defensa da natureza e a loita contra un dos grandes males deste tempo, o cambio climático. A particularidade é de que desta vez a iniciativa une a un gremio ben definido, o dos escritores, ben sexan do eido científico, económico, xornalístico, literario ou musical.

A Rede de Escritores pola Terra, que non é un proxecto exclusivo para operar na Rede pero que non se concibe sen ela, constitúe unha plataforma de autores procedentes de todos os recantos do planeta que se convoca e se dá a coñecer a través de dúas propostas en liña: unha páxina oficial e máis un blog colectivo.

O colectivo, que naceu o ano pasado durante uns encontros organizados en Granada (Nicaragua) pola ONG Mare Terra, está integrada neste intre por unhas cen persoas, e conta cos seguintes obxectivos: dar voz a un medio ambiente cada vez máis deteriorado, sensibilizar ós gobernos e propoñer solucións. Agora, a plataforma vén de coller novos pulos coa presentación das conclusións do devandito encontro e do manifesto resultante.

Na devandita rede participan escritores e activistas a prol do medio ambiente como Ernesto Cardenal (Nicaragua), Syney Posuelo (Brasil), Guillermo Brown (Chile), Ricardo Aguilar, Arturo Larena, Joaquín Araújo ou Juan José Ruíz, autor (precisamente) das conclusións da reunión celebrada en Nicaragua hai agora un ano.

0 comentarios: