Symantec bota por terra varios mitos relacionados cos riscos das novas tecnoloxías

A compañía de software para infraestructuras Symantec vén de dar a coñecer o Volumen II de su Informe sobre Gestión de Riesgos de las TI, un estudo levado a cabo logo da análise de máis de 400 entrevistas en profundidade a profesionais das novas
tecnoloxías da información de todo o mundo que identifica os principais asuntos e tendencias neste eido e que, amais, semella derrubar algúns dos principais mitos asociados xeralmente ós riscos das redes.

Segundo isto, no informe asegúrase que é falso que a xestión de riscos das TIC “se centre só na seguridade”, que a xestión de riscos das TI “sexa un proxecto puntual”, que a tecnoloxía por si mesma “poida xestionar os riscos TI” e que a xestión de riscos “se convertera nunha disciplina formal”.

Ademais de botar por terra estas afirmacións, o estudo tamén indica que os problemas relacionados cos procesos causan un 53% dos incidentes das TI, mentres que nas tecnoloxías da información infravalorase a miúdo a frecuencia dos incidentes que producen pérda de datos.

Asemade, o estudo aclara o estado da xestión de riscos nos diversos sectores industriais e, entre as conclusións ás que chegan os seus autores, cómpre salientar a seguinte: os participantes do sector sanitario agardan a meirande cantidade de incidentes con respecto a estas tecnoloxías.

Por outra banda, as telecomunicacións ocuparon o mellor posto no despregue de controis para a xestión de riscos das TI, seguidas de preto pola banca e polos servizos financieiros.

Segundo asegura o director de Servizos e Consultoría de Symantec Ibérica, Gerardo Gómez, “este informe ofrece ós profesionais do sector e ó persoal directivo un coñecemento sen igual sobre a xestión de riscos das tecnoloxías da información e achega unhas pautas e unhas boas prácticas para a execución efectiva do programa”.

0 comentarios: