Unha canle na rede dará a coñecer o audiovisual do país no exterior

Galiza contará cunha televisión por internet como "un escaparate do audiovisual galego no exterior". O anuncio fíxoo o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias, no acto de inauguración do curso 'A televisión por internet', que se desenvolveu este mércores na Coruña.

Fernández Iglesias explicou que a Xunta está a estudar a posta en marcha dunha canle de televisión na rede que dea "continuidade" á que se creou para o simposio 'Pobre mundo rico', organizado polo Club Internacional de Prensa. Coa creación da nova canle, cunha plataforma 100% galega, o noso país converteríase na primeira administración autonómica cunha canle de televisión propia a través de internet, o que a situaría á "vangarda no uso das novas tecnoloxías".

Na súa intervención na cidade herculina, o director xeral considerou que se vai experimentar "un cambio radical" nos modelos de consumo audiovisual, "cunha clara tendencia" á integración de todas as canles de difusión nunha única pantalla na que converxan todos os fluxos audiovisuais. Ademais, explicou que existe un "cambio" na concepción de internet como ferramenta de comunicación e de difusión de información, pois o usuario pode configurar o seu propio "internet á carta".

0 comentarios: