World Wildlife Fund convoca pola Rede un novo e ambicioso apagamento mundial


A entidade pola loita contra a destrución da natureza World Wildlife Fund (WWF) está a botar man -unha vez máis- da Internet para convocar unha desas medidas destinadas a mover conciencias. Ou a crealas, no caso máis que probable de que non existan. A iniciativa non é outra cousa que unha cadea, unha arela de mobilización dirixida á comunidade internauta co obxectivo de convocar a 24 espazos urbanos de todo planeta a levar a cabo un apagamento xeralizado das luces e os televisores durante a noite do 29 de marzo, ás 20.00 horas (hora local).

No fondo, a iniciativa (que vai encamiñada a denunciar a pasividade do mundo perante as consecuencias fatais do cambio climático), non é nova, pero si que pretende ser nova no seu alcance xeográfico e social, moito máis ambicioso ca outros proxectos semellantes postos previamente en marcha.

Tras de si, a World Wildlife Fund ten a experiencia da mobilización do ano pasado en Australia, onde 2,2 millóns de persoas ficaron desenchufadas ó longo dunha hora (en Sidney, mesmo se chegou a apagar o mítico Opera House). Polo de agora, xa confirmaron a concorrencia na proposta deste ano cidades de envergadura como Atlanta, Copenhague, Manila, San Francisco, Chicago, Aalborg, Odense, Vancouver, Bangkok, Dublín, Montreal, Tel Aviv, Melbourne, Perth, Canberra ou Phoenix.

A iniciativa en cuestión chámase A Hora do Planeta e podemos ver información abonda sobre ela na páxina da organización, www.worldwildlife.org/earthhour/, ou na páxina web habilitada para o caso: www.earthhour.org. Neste intre xa hai máis de 40.000 persoas inscritas no proxecto e máis de 2.000 empresas.

0 comentarios: