O BNG renova a súa páxina web


María Xosé Bravo presenta a nova web do BNGMaría Xosé Bravo, secretaria de Comunicación do Bloque Nacionalista Galego, acompañada por Francisco Jorquera, coordenador executivo do BNG, presentaron onte en Compostela a nova páxina web da súa organización coa que pretenden «mellorar e ampliar a nova comunicación e diálogo coa sociedade galega».

A nova web «é máis moderna, cun deseño anovador, e con propostas de participación directa da sociedade como a posibilidade de enviar suxestións e vídeos, ou de participar en enquisas», segundo salientou María Xosé Bravo, que tamén subliñou que «cumpre un dos mandados da última asemblea nacional: a de estar feita integramente en software libre, o que demostra o noso compromiso cos programas informáticos non propietarios».

A secretaria de Comunicación do BNG tamén destacou que a web da formación política está a medrar en visitas, cun crecemento interanual de máis do 50%, de xeito que en xaneiro acadaron unhas 66.000 visitas, mentres que en 2007 chegaron ás 850.000 visitas (fronte ás 590.000 de 2006).

Jorquera, pola súa banda, falou sobre a campaña política de cara ós comicios electorais do vindeiro 9 de marzo, data a partir da que prognostican que «o BNG será determinante na política estatal e iso será garantía de que non haxa retroceso na democracia española e de que por fin se teña en conta a Galiza na política estatal».

0 comentarios: