Cogami reúnese estes días con expertos europeos en inserción e novas tecnoloxías

Os días 7 e 8 de marzo, a sede en Santiago da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) vai acoller unha serie de sesións encamiñadas a atopar novos vieiros de integración para estes colectivos a través do emprego das novas tecnoloxías. Os traballos faranse no marco do proxecto 32 LL Clubs financiado polo Fondo Social Europeo e neles participarán representantes desta entidade e de outras semellantes de sete países da UE.

Segundo informa Cogami, a finalidade destas sesións é “asentar o traballo en rede entre as entidades promotoras da idea (compartindo recursos, prácticas, ferramentas, etc) e tirando partido no posible das posibilidades que achegan as novas ferramentas”.

En realidade, as sesións de Cogami forman parte do programa de actividades dunha rede de colaboración que recibe o nome de “LLL Clubs” (Clubs de Aprendizaxe Continuo) e nela colaboran entidades con experiencia na creación de emprego. Por certo que o 32 LLL Clubs ten como gran obxectivo a medio prazo a posta en marcha dunha gran rede europea que posibilite o intercambio de información e que xire arredor dunha páxina web que inclúa todas as ferramentas e métodos que levan subministrado o proxecto e o seus integrantes.

0 comentarios: