Innovación e Industria potenciará o software libre a través do Cesga


A Consellaría de Innovación e Industria apoiará a realización de actividades que promocionen o software libre en Galiza. O departamento dirixido por Fernando Blanco transferirá ao Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA), dependente da Consellaría, 675.000 euros para o desenvolvemento destas actuacións.

O Consello da Xunta deste xoves aprobou a medida da Consellaría, que ademais servirá para promover o desenvolvemento dun Centro de Referencia e Servizo de software libre que sexa capaz de aglutinar e colaborar na xestión das distintas iniciativas para a promoción do software libre promovidas polo departamento, dentro dunha acción estratéxica para dinamizar os recursos e servizos que caracterizan a sociedade da información.

Innovación e Industria anunciou que promoverá todas aquelas actividades destinadas a promover a localización de software libre en galego co obxectivo de manter actualizada como mínimo unha configuración de escritorio ofimático multimedia completamente funcional en galego; reforzar o actual repositorio de software libre e documentación en galego, a Forxa (localizado no portal web de Mancomun.org), levando a cabo accións directas de dinamización en contornos empresariais e universitarios; facilitar e incrementar a implantación de software libre e de estándares abertos con especial atención ao entorno empresarial; e acometer accións de formación divulgativa sobre os conceptos do software.

Por outra parte, a Consellaría de Innovación e Industria impulsará o uso das ferramentas libres máis estendidas, os mecanismos de liberación de software e as dinámicas de participación que favorezan a integración de novos membros na comunidade de desenvolvemento do software libre; apoiar os labores de observación e prospección estatística sobre estudos de software libre realizadas polas entidades e institucións galegas competentes; promover a participación e co-organización de sesións de traballo con comunidades de desenvolvemento de software libre para facilitar e fomentar a integración da comunidade galega do software libre nas dinámicas de organización e produción baseadas no traballo colaborativo internacional en rede e fornecer un servizo de soporte técnico de primeiro nivel como apoio á posta en marcha de iniciativas baseadas en software libre consideradas de interese.

0 comentarios: