A directora xeral participa no encontro "Empresa TIC Galega: talento, calidade e identidade"

Este mércores desenvólvese na Coruña, no Hotel Finisterre, o encontro "Empresa TIC Galega: talento, calidade e identidade", organizado por Softtek coa colaboración da Consellaría de Innovación e Industria. Na xornada amosaranse experiencias e estratexias para aproveitar as capacidades de Galiza na prestación de servizos TIC, reforzar a súa industria e mellorar a súa imaxe no exterior, ao tempo que se reteñen os talentos que existen no noso país.

O encontro inaugúrao ás dez da mañá a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela. A continuación, Jaime García, director de análise de IDC, expón o panorama xeral da industria do software no Estado Español e en Europa e as oportunidades que se presentan para Galiza.

Na seguinte intervención, prevista para as 11:15, Helena Veiguela explica as estratexias impulsadas dende o Goberno para promover o desenvolvemento das industrias TIC, entre as que se atopa o PEGSI. Xusto antes da pausa do mediodía, o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, fala da visión da institución universitaria sobre a industria do software en Galiza.

O resto da mañá, até a hora de xantar, estará dedicado á presentación de casos prácticos: Richard Wolf, director de compras para o sur de Europa de General Electric, contará o caso dunha empresa global que emprega un centro radicado en Galiza para as súas operacións en toda Europa. José Valiño, director de sistemas de Caixa Galicia, amosará a súa visión sobre o futuro dos centros de entrega en Galiza e de como reter o talento galego. Por último, Blanca Treviño, presidenta de Sofftek, explicará o éxito dunha multinacional que escolle Galiza para situar a súa sede para Europa.

Despois das preguntas e conclusións que desenvolverá Jaime García Cantero, analista de IDG, e da clausura, a cargo de Ricardo Valencia, director de Sotffek España, terá lugar un xantar dos participantes no encontro.

0 comentarios: