Santiago acolle este xoves un novo encontro TIC de mulleres empresarias

O ciclo de xuntanzas promovido por Agestic para procurar solucións ós atrancos que afastan en Galiza ás redes das mulleres, e sobre todo no eido rural, está a piques de chegar á seu fin. Como colofón, os responsables dos encontros ultiman neste intre os detalles dunha sesión que resuma ós anteriores, tanto dende o punto de vista cuantitativo como no cualitativo. O lugar elixido é Santiago, concretamente a Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia, o vindeiro xoves 13 de marzo.

A idea de Agestic é reunir a meirande cantidade de mulleres emprendedoras vinculadas á Rede, o maior número de empresas TIC e o máis variado abano de procedencias.

Deste xeito, está prevista xa a participación de representantes de empresas e entidades diversas como Microsoft, APD Noroeste, Omega, a Cátedra Mocidade Emprendedora da Universidade de Santiago, Prooficce CN, AJE Vigo ou o Grupo de Automoción Caeiro. Asemade, contarase coa presenza das directamente implicadas nesta loita por normalizar do uso das redes entre as mulleres, as mulleres mesmas. Así, segundo informa Agestic, intervirán –entre outras- na xuntanza a deseñadora de moda María Freyre ou a presidenta do Grupo de Comunicación El Progreso, Blanca García Montenegro.

A reunión de Compostela encádrase dentro dun proxecto do Plan Avanza que estivo a promover Agestic as pasadas semanas en Galiza: o proxecto Nin Máis nin Menos, do que xa falamos polo miúdo nesta web e que logrou reunir xa a 300 mulleres arredor dunha cuestión que lles afecta de xeito especial: os obstáculos no camiño de igualdade de oportunidades empresariais e laborais con respecto dos homes e, tamén, no camiño da íntegra participación na Sociedade do Coñecemento.

0 comentarios: