Greenpeace convida ós internautas a denunciar nun mapa todas as agresións ó medio


Greenpeace segue a botar man da Rede para facer tamén nela o que leva anos facendo coa axuda de buques ecoloxistas, pancartas, altofalantes, montaxes e (malia os erros que puído ter cometido) afouteza abonda. O caso é que a Internet, tanto para esta como para outras organizacións (pensemos por exemplo na intensa actividade xerada en liña por colectivos da nosa terra como Adega ou Verdegaia), semella facilitar a achega de mensaxes, tanto polo que representa como polo que inclúe: ferramentas que melloran a comunicación e a participación.

Nesta liña de tirar partido da Rede a día de hoxe (que non é a mesma cá de onte) é onde se insire Fotodenuncia, un espazo aberto para as achegas informativas de calquera cidadán e co que Greenpeace pretende mellorar a súa capacidade de observatorio das agresións á natureza.

A idea non é outra que botar man dos internautas para chegar a onde non sería posible chegar doutro xeito: a denunciar o máximo número de agresións. Segundo apunta a organización ecoloxista, calquera cidadán pode contribuír ó proxecto empregando súa cámara dixital, o seu móbil e un acceso á Rede.

Logo, o lugar exacto e a natureza da agresión (sexa da índole que sexa: ó mar, ós ríos, ó monte, etc.) será localizada xeograficamente nun mapa habilitado na devandita web.

0 comentarios: