Política Lingüística promoverá o galego na nenez a través das novas tecnoloxías


A Secretaría Xeral de Política Lingüística está a priorizar a promoción do galego na infancia a través de diversos produtos de lecer, entre os que cómpre salientar a dobraxe de películas dirixidas aos máis novos, a organización de campañas de animación á lectura, a posta á disposición das familias de música en galego e a difusión de novas ferramentas tecnolóxicas na nosa lingua.

A secretaria xeral, Marisol López, vén de expoñer recentemente no Parlamento de Galicia estas e outras medidas destinadas ao fomento do fala entre a infancia e a mocidade, en resposta a unha pregunta formulada na Comisión de Educación e Cultura de Cámara galega.

Entre outras cousas, a estratexia da Secretaría Xeral neste senso céntrase en “investir na dobraxe de filmes ao galego, facer campañas de animación á lectura, distribuír música en galego para as familias e localizar en galego os programas informáticos”.

Asemade, e en resposta á demanda de información sobre as accións previstas para incorporar o galego aos aparellos informáticos, López anunciou que a primeiros de abril se vai presentar a versión galega dos programas Windows Vista e Office 2007, que contaron coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Servizo de Terminoloxía Galega Terminal.

Tamén no ámbito das novas tecnoloxías, explicou que se están mantendo reunións con empresas fabricantes e tamén con operadores de telefonía móbil para incrementar o espazo do galego nun sector con grande incidencia no público xuvenil.

0 comentarios: