A sede da SGAE en Santiago estréase con varios cursos abertos ao público

Logo de varios meses intrigando aos turistas que se achegaban á capital galega e incluso aos composteláns aos que lles cadraba de pasar pola finca de Vista Alegre, o edificio da sede da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), con esa fasquía de monumento megalítico, vén de ser estreado coa súa primeira actividade aberta ao público: un curso titulado Iniciación á propiedade intelectual.

Ademais desta actividade, que pechará as súas portas hoxe venres 28 de marzo, a SGAE ten programados para o vindeiro mes de abril outros tres cursos de formación e que, segundo afirma o xornal El Correo Gallego, versarán sobre “os contratos de música, os medios audiovisuais, e as artes escénicas” e, asemade, terá lugar un “Obradoiro de guións de ficción para TV”.

Os interesados aínda están a tempo de inscribirse neles a través dos teléfonos 981 569 173 e 636 574 911 ou ben no enderezo de correo electrónico kdominguez@sgae.es.
O director desta entidade, Javier Vidal, xa declarou no seu día que a idea era converter o edificio nun “foco creativo e nun axitador cultural”; neste senso, “foco creativo” aínda non podemos afirmar que o sexa, pois a súa andaina non fixo máis que comezar e é cedo para atreverse a confirmar tal declaración, pero “axitador cultural” xa o é dende o día no que se puxo a primeira pedra para erguer este edificio de 3.000 metros de superficie que precisou preto de 10.000 euros para ser o que é hoxe.

Ó remate dos devanditos cursos, é posible que xa esteamos en condicións de xulgar se efectivamente esta morea de pedras é o “foco creativo” que pretendía ser ou se só se queda en “axitador cultural” e recadador local de comisións de artistas.

0 comentarios: