A Wikipedia recibe a dotación monetaria máis importante da súa historia


Se hai algo que nos axuda eficazmente no día a día do noso traballo sen pedirnos a cambio nada máis que volver a consultala cando teñamos algunha dúbida iso é a Wikipedia (coa ben equipada versión en galego). Esta xigantesca enciclopedia construída na Rede dende o ano 2001 axuda sen reparo a estudantes, investigadores, xornalistas, blogueiros, mestres e unha chea de profesionais que botan man dela para aclarar as súas dúbidas respecto a temas que se lles veñen grandes nalgún aspecto ou que descoñecen na súa totalidade, e todo sen pagar nada por facelo e sen ter que pasar polo traballo de rexistrarse para acceder.

Agora, logo de 7 anos de traballo de voluntarios espallados polo mundo, a Wikipedia vén de ver en boa medida recompensados os seus esforzos ó recibir a doazón máis grande xamais pensada: 3 millóns de dólares adxudicados pola Alfred P. Sloan Fundation.

Así o vemos na web barrapunto.com, onde tamén se engade que a suma será entregada en tres partes iguais durante os vindeiros tres anos que servirán, segundo os seus fundadores, “para acadar algúns obxectivos fundamentais como ofrecer maior calidade, ampliar a participación e distribuír contidos educativos para a xente sen conexión a Internet”.

A Wikipedia é considerada pola comScore Inc a sétima web máis popular nos Estados Unidos e a oitava máis popular do mundo a pesares de contar con tan só 15 empregados a tempo completo. Agardamos que con esta dotación o traballo se lles faga máis levadeiro e sigan contribuíndo como ata o de agora a manternos ben documentados en todo aquilo que precisamos no día a día.

0 comentarios: