A carteleira cinematográfica xa se pode consultar dende Google


Resultados aparecidos ao buscar a «indiana jones» en GoogleGoogle leva tempo incluíndo información sobre películas e cines nos EE.UU., e finalmente tamén está dispoñible tal funcionalidade en España, de xeito que podemos facer buscas sobre estreas cinematográficas (probemos por exemplo buscando «indiana jones») para que se nos presente un recadro no que se pregunta pola nosa localidade para indicarnos os cines nos que se está a exhibir a última película de Harrison Ford.

Este sistema (accesible tamén dende google.es/movies) permite achegar información incluso sobre os cines galegos, de xeito que podemos consultar de xeito doado as películas que se poden ver en, por exemplo, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e mesmo Lalín. O buscador de películas tamén serve para localizar críticas (en inglés) das mesmas.

Este servizo sería un paso máis na universalización das buscas que persegue Google, de xeito que procurarán presentar a maior información posible sobre as nosas pescudas, sen limitarse a páxinas web.

0 comentarios: