Chegan a Europa as curas de saúde para nenos enganchados á televisión e ás consolas

Son tempos estes que vivimos de certa tiranía da comunicación. Polo menos, da comunicación que vén polo dixital. Así, do mesmo xeito que as armas de lume no salvaxe oeste, son ben poucas as persoas que tendo como teñen móbil desaproveitan unha ocasión de empregalo. De feito, moitos de nós interrompemos ás persoas que temos diante polo que nos chega polo teléfono (habendo como hai moitas opcións de que o que nos chega polo móbil sexa menos relevante: por exemplo unha campaña de promoción da operadora).

O caso é que cómpre reflexionar sobre o tema, que toca de cheo outros como a dependencia tecnolóxica, a incomunicación dixital e o exceso de consumo. Con este fin, estanse a organizar iniciativas como a do Instituto europeo Eco-Consello, da que dan conta estes días o xornal Le Parisien e máis La Voz. O proxecto en cuestión consiste en deixar durante 10 días sen televisión, vídeo xogos e computador a 250 alumnos de entre seis e once anos dun centro de estudos francés.

O obxectivo, en contra do que se pode supoñer, non é facelos tolear, senón máis ben todo o contrario. Ou sexa: aprenderlles que a vida non ten porqué ser vista sempre coma se olla un power point. Máis polo miúdo e segundo informa Xavier Rémy, o director do instituto que acolle a dita campaña (o centro de Ziegelwasser, preto de Estrasburgo), é informar doutros xeitos de ollar e de outros xeitos de lecer, alén das novas tecnoloxías. A proposta non é nova, xa que se puideron ver proxectos semellantes en Canadá (o xermolo deste tipo de iniciativas) e Estados Unidos, pero si que se trata da primeira vez que se desenvolve en Europa. Segundo os responsables do Instituto Eco-Consejo, está comprobado que os nenos ceibes do exceso de tele e de vídeo xogos reducen os seus comportamentos violentos á metade e incrementan o seu nivel de aprendizaxe.

0 comentarios: