Innovación e Industria colabora coas universidades na implantación do software libre

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou na mañá de hoxe varios convenios de colaboración coas tres Universidades galegas, representadas polos seus reitores: José María Barja Pérez, da Universidade da Coruña, Senén Barro, da Universidade de Santiago de Compostela, e Alberto Gago, da Universidade de Vigo. Grazas a estes acordos, o departamento dirixido polo nacionalista Fernando Xabier Blanco achegará 465.012 euros para o desenvolvemento de distintos actos formativos así como de implantación do software libre.

Por un lado, asinouse un convenio entre a Consellaría de Innovación e Industria e as tres universidades de Galiza para a creación e consolidación de oficinas de software libre universitarias. Para tales efectos, dende o departamento autonómico reservouse unha partida orzamentaria de 240.000 euros, que se reparten en 80.000 euros para cada unha das tres universidades durante o bienio 2008-2009.

Polo presente convenio realizaranse as actuacións destinadas á creación e consolidación das oficinas de software libre nas tres universidades que respondan ás seguintes características: que conten cun coordinador a tempo completo responsable da coordinación con outras oficinas de software libre universitarias e o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza da Consellaría (Mancomún); contar cun coordinador e un equipo de apoio; a creación dun espazo web específico da oficina de software libre universitaria onde se recolla os seus obxectivos, estrutura, contacto e principais actividades; o compromiso de presentar nos dous primeiros meses de vixencia deste convenio un plano anual de actuación da oficina correspondente ao 2008 e 2009; e a proposición de novas iniciativas para o desenvolvemento do software libre no ámbito das súas institucións.

Asemade, tamén se fixará o marco de coordinación e colaboración co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia (Mancomún) mediante a creación dunha comisión de coordinación técnica das actividades desenvolvidas polas tres oficinas universitarias de software libre e o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza da Consellaría. As oficinas tamén terán que incorporar contidos á web de mancomun.org e colaborar na difusión das actividades e información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

USC
Por outra banda, a Consellaría de Innovación e Industria asinou varios convenios coa Universidade de Santiago de Compostela. Un deles estabelece as condicións de colaboración para a organización da VII edición do curso de Posgrao ‘Economía e Xestión da Innovación’, no que se investirán 45.000 euros, e mais o desenvolvemento do ‘III Máster en Xestión e Dirección de Empresas de Deseño e Moda’, durante o presente ano 2008, cun orzamento total de 70.000 euros.

0 comentarios: