Traballo presenta unha ferramenta dixital que mellora a calidade das solicitudes de axudas


A Consellería de Traballo vén de presentar unha ferramenta en liña para poñerlles aos cidadáns as cousas máis doadas en materia de relación e comunicación con eles. Concretamente, trátase dunha iniciativa encamiñada a favorecer a cumprimentación de solicitudes para acceder ás liñas de subvencións dos programas da Consellería. A aplicación, que se encadra dentro da política de dixitalización dos procesos administrativos seguida nos últimos tempos polo departamento que dirixe Ricardo Varela, constitúe o chanzo previo á posibilidade de presentar as solicitudes a distancia co único requisito de achegar sinatura electrónica, segundo explicou a Consellería.

Ou sexa, que a concorrencia desta aplicación non vai ceibar ós cidadáns da presenza do papel (as peticións teñen que ir aínda neste formato) pero si que asegura un mínimo número de erros e de repetición de datos.

Outra das principais vantaxes desta ferramenta, amais da devandita de mellorar a calidade da solicitude, reside na redución dos tempos de tramitación, “pois ademais de aumentar a calidade das solicitudes, aforra o paso de mecanización das mesmas por parte dos funcionarios encargados da tramitación”, informou a Consellería.

0 comentarios: