Lanzan Google Health, un servizo para gardar «en liña» o historial médico


Google acaba de lanzar a versión beta da súa plataforma gratuíta Google Health, logo dun período de proba, iniciado en febreiro con datos médicos de dez mil pacientes voluntarios da Clínica Cleveland en Estados Unidos.

Entre os servizos ofrecidos a través dela, atópase a posibilidade de almacenar «en liña» o historial médico do usuario. Isto permitiralle compatir eses datos cos médicos, familiares ou coidadores. Google Health ten enlaces con farmacias, clínicas e laboratorios de diagnóstico, ademais de noticias e guías relacionadas coa sanidade. Neste espazo os pacientes poden gardar prescricións, resultados de probas, operacións, calendario de vacinacións, síntomas, medicación...

O servizo conta con detractores polas dúbidas en canto á privacidade de datos tan sensibles como os médicos. E Google deféndese dicindo que puxo «a máis firme política de privacidade que se pode construír», en palabras de Marissa Mayer, vicepresidenta de procura de produto e experiencia da compañía. «É o afastado oeste «en liña». Os riscos son masivos», sostén, con todo, Deborah Peel, unha psiquiatra que fundou PatientPrivacyRights.org.

Microsoft lanzou en outubro unha ferramenta similar, chamada Health Vault, coa mesma filosofía de que os usuarios xestionen a súa información de saúde.

0 comentarios: