Publícase a segunda convocatoria de premios a recursos educativos para a Sociedade da Información

O DOG deste mércores 21 de maio publica a convocatoria dos Premios a recursos educativos para a Sociedade da Información 2008, que organizan conxuntamente as consellarías de Innovación e Industria e de Educación e Ordenación Universitaria. Destinaranse 52.000 euros aos galardóns, que están divididos en catro categorías.

Os premios pretenden promover a creación e divulgación de contidos dixitais de calidade na rede, impulsar o coñecemento do software libre por parte da comunidade educativa e recoñecer e valorar o esforzo do profesorado na adopción das tecnoloxías da información e da comunicación no seu traballo cotián.

A primeira modalidade, dedicada ás ferramentas de autor, conta cun primeiro premio de 6.000 euros, un segundo de 4.000 e un terceiro de 3.000, mentres que as contías dos premios para a segunda categoría, que distingue os materiais curriculares para a web e para os encerados dixitais, é tamén de 6.000 euros para o primeiro premio, 4.000 para o segundo e 3.000 para o terceiro, coa diferenza de que se outorgarán tres galardóns da terceira categoría.

A modalidade C, para galerías de imaxes e vídeos didácticos, destina un primeiro premio de 3.000 euros, un segundo de 2.000 e dous terceiros de 1.000. Finalmente, resérvase unha cuarta modalidade para aplicacións de software libre, para as que se destinan 6.000 euros para o primeiro premio, 4.000 para o segundo e 3.000 para o terceiro.

Poden participar na convocatoria, de xeito individual ou colectivamente, o profesorado de centros non universitarios financiados con fondos públicos. O prazo de presentación comeza o xoves 22 de maio, o día seguinte á súa publicación no DOG e remata o 15 de setembro.

Pódense consultar as bases completas no Diario Oficial de Galicia.

0 comentarios: