Brión actualiza os equipos da súa aula de informática

O Concello de Brión segue a traballar en materia de difusión da informática, de software libre e demais eidos relacionados coas novas tecnoloxías. Desta volta, vén de anunciar a actualización dos once equipos da súa aula de informática situada na Casa da Cultura dende a que tódolos veciños e veciñas teñen acceso libre e de balde a Internet (todo un exemplo a seguir por outros concellos galegos nos que a conexión á Rede brilla pola súa ausencia incluso naqueles fogares que poden pagar pola liña e aínda así non teñen posibilidade de acceder a ela). Pois ben, neste Concello actualizouse o sistema operativo de tódolos equipos (agora dispoñen de Windows XP) e instaláronse novos lectores e gravadoras de DVD.

Porén, segundo veñen de informar os responsables desta iniciativa, a “maior novidade” foi a instalación de cámaras web con auriculares en cada un dos equipos que, unidos a un software especial, permitirán a realización de videoconferencias dende a Casa de Cultura de Brión con calquera parte do mundo.

Esta aula de informática foi “froito dun acordo de colaboración coa Deputación Provincial” e está aberta a todos os veciños e veciñas do municipio en horario de 9 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas.

0 comentarios: