Nova edición do Máster sobre Software Libre de Caixanova


Caixanova, en colaboración coa Universidade Rei Juan Carlos e Igalia, vén de anunciar que para o vindeiro curso académico 2008-2009 vai levar a cabo unha nova edición do Máster sobre Software Libre que se impartirá os venres e sábados no Centro Social Caixanova de Vigo.

Esta iniciativa, que segundo informan en Mancomun.org “nace cunha clara orientación práctica e profesional”, está dirixida principalmente a titulados ou profesionais que queiran complementar a súa formación con coñecementos de software libre de ámbito internacional así como para todos aqueles que desexan traballar en empresas do sector TIC e liderar proxectos de liberación, desenvolvemento e publicación de software libre.

Os contidos, que serán impartidos por profesionais avalados por un comité asesor, terán un enfoque práctico, incluíndo ademais un practicum en empresas ou institucións en proxectos de software libre.

A finalidade deste máster é que os asistentes obteñan as aptitudes necesarias para participar con éxito en calquera proxecto libre, un campo que sufriu unha importante evolución en canto a melloras en produtividade e redución de custos polo que a demanda de persoal especializado increméntase considerablemente ano tras ano.

O prazo de inscrición ordinario estará aberto ata o vindeiro 4 de xullo aínda que haberá un prazo extraordinario que non pechará antes do 26 de setembro de 2008-06-09
Os impresos de solicitude poderanse descargar dende a web de Caixanova e entregaranse en calquera das súas sucursais ou mediante correo convencional, unha vez formalizados e acompañados da información que se solicite.

A formalización da matrícula realizarase como data límite antes do 10 de outubro e os correspondentes impresos tamén se poderán descargar a través da devandita páxina web.

0 comentarios: