Faille un clic ao galego fai balance positivo con máis de 11.000 descargas acadadas

A campaña de difusión e uso da lingua galega no ámbito das novas tecnoloxías, Faille un clic ao galego, vén de facer entrega dos merecidos premios ás 6 persoas que acadaron o maior número de descargas de balde das interfaces de Windows Vista e Microsoft Office 2007 na nosa lingua, nun acto celebrado onte en Santiago de Compostela.

A iniciativa, que foi promovida por Microsoft Ibérica xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, fixo posible a descarga de 11.000 interfaces e a día de hoxe “son xa máis de 13.000 as rexistradas”, segundo vén de anunciar a secretaria xeral, Marisol López.
Rubén Vilar, Óscar Fernández, Julio Lema, Julio Ares, Jesús Pérez e Fátima Solloso foron os galardoados e recibiron distintos produtos relacionados coas novas tecnoloxías, dende ordenadores de última xeración a programas Windows Vista completos.

A secretaria xeral de Política Lingüística felicitou aos premiados e ás entidades que colaboraron nesta iniciativa. As novas tecnoloxías, segundo explicou, “son unha locomotora para a lingua”, polo que animou ás empresas do sector das tecnoloxías da información e da comunicación a que sigan avanzando na incorporación do galego aos seus produtos.

0 comentarios: