O Concello de Melide avanza cara á administración dixital renovando a súa páxina web


Nos últimos días o Concello de Melide estrea novo portal web e novo dominio na Internet co gallo do 75º aniversario da edición do libro Terra de Melide da editorial Nós. A nova web convértese nunha canle de comunicación e servizos para os seus visitantes, supondo un importante paso adiante con respecto do espazo anterior.
A nova web do Concello achega a actualidade da vila coruñesa, información sobre convocatorias (emprego, concursos, premios), avisos, axenda cultural e mesmo a posibilidade de facilitar os trámites máis habitual do Concello.

Os turistas atoparán na nova web moita información de interese sobre a vila, mentres que os cidadáns tamén poderán coñecer máis de preto as áreas do Concello e os seus responsables. Xunto coa información sobre concurso públicos e licitacións, o novo espazo convértese nunha ferramenta para dotar de transparencia parte da xestión municipal.

O desenvolvemento da nova web, que serve como punto de comezo para a implantación da administración dixital no Concello de Melide, nace dunha iniciativa cun investimento duns 30.000 euros nas anualidades de 2007 e 2008 dentro do proxecto Cidades Dixitais 2007-2010, financiado pola Consellaría de Innovación e Industria, o Ministerio de Industra, Turismo e Comercio e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

0 comentarios: