Mancomún organiza un curso para favorecer a implantación do Software Libre nas empresas TIC


O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, abriu o prazo de inscrición dun curso de capacitación dirixido á empresa TIC galega para que poida elaborar proxectos de implantación e soporte de servizos en Software Libre. Este curso xorde como complemento ao DVD - Ferramentas informáticas para a PEME, compilación de aplicacións informáticas útiles para a PEME lanzado en novembro de 2007.

A iniciativa, denominada Plano de Capacitación TIC en Software Libre, desenvolverase nunha primeira fase piloto que terá lugar entre o 13 de xuño e o 19 de xullo de 2008. Dado o seu carácter experimental, este curso desenvolverase unicamente en Santiago de Compostela. Posteriormente, e unha vez analizados os resultados obtidos, afrontarase a segunda fase do proxecto, prevista para o último trimestre do ano.

A estruturación do Plano en dúas fases de achegamento ten como obxectivo adaptar os contidos do curso, baseados nas ferramentas informáticas incluídas no actual DVD da PEME, ás necesidades reais das empresas TIC galegas. Ademais, a experiencia axudará a avaliar os contidos do DVD, que poderán sufrir variacións como resultado das opinións das empresas participantes. Deste xeito, a segunda etapa do programa ofrecerá unha perspectiva máis idónea dende o punto de vista dos contidos e cunha cobertura máis ampla, tanto en número de empresas participantes como en ámbitos xeográficos abarcados.

Plano de Capacitación TIC

Os contidos do plano estruturaranse en dous módulos subdivididos en bloques, que se impartirán nun total de 56 horas. O primeiro dos módulos ofrecerá unha introdución ao Software Libre na empresa co obxectivo de dar a coñecer os modelos de negocio entorno ao Software Libre, os aspectos legais así como unha orientación cara á planificación deste tipo de proxectos e as posibilidades de subvencións públicas. Este bloque está dirixido fundamentalmente a persoal directivo ou de xefatura de proxectos.

A implantación e soporte de servizos básicos en Software Libre será a temática do segundo dos módulos, dirixido ao persoal técnico das empresas. Neste apartado, achegaranse as bases para a implantación e o posterior soporte das ferramentas básicas dunha oficina informatizada: ofimática, internet e intranet.

O curso distribuirase en sesións intensivas de 4-5 horas, permitindo un equilibrio entre a conciliación da vida familiar e laboral e o bo aproveitamento da formación. Impartiranse os venres de 16:00 a 20:00 e o sábado de 10:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 horas.

Co fin de maximizar o número de empresas que reciban formación só poderá asistir unha persoa por empresa a cada un dos módulos. A asignación de prazas será por orde de recepción da ficha de inscrición que deberá ser enviada a formar@mancomun.org indicando como asunto Inscrición Capacitación SwL.

0 comentarios: