Todos os concellos terán administración electrónica en 2009


No ano 2009, a totalidade dos procedementos administrativos dos concellos galegos poderanse tramitar electronicamente. Así o anunciou a directora xeral de Administración Local, Begoña Rodríguez Rumbo, que deu conta das actuacións levadas a cabo polo Goberno para impulsar a administración electrónica nos concellos.

Segundo a directora xeral, para este exercicio 2008, o seu departamento afronta "unha fase que entende como decisiva" da implantación da administración electrónica nos concellos e que se reflicte en tres actuacións fundamentais: unha análise pormenorizada da situación dos concellos para "implementar métodos de actuación e dotacións específicas", o desenvolvemento dunha plataforma informática específica que permita as relacións administrativas Xunta-Concello de xeito telemático e, por último, dotar a todos os concellos galegos do equipamento informático necesario para materializar a administración dixital.

Con estas iniciativas, Begoña Rodríguez considera que a finais do 2009 a tramitación tradicional "en papel" quedará "totalmente superada", permitindo que, independentemente da súa situación, "todos os concellos poidan ofertar os mesmos servizos a toda a súa cidadanía". Segundo a directora de Administración Local, este será o xeito de acadar unha administración "moderna, áxil e eficiente", adaptada ás novas necesidades da sociedade, e propia do século XXI.

Doutra banda, Rodríguez Rumbo lembrou que, na procura da busca de solucións para os concellos galegos, a Consellería de Presidencia ten feito diversas actuacións tendentes a "concienciar, formar e facilitar as ferramentas necesarias" para que todas as administracións locais galegas poidan acadar o obxectivo da lei 11/2007, 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos ("recoñecese o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos").

Entre as accións ás que se referiu a directora, atópanse o impulso, redeseño e reforzamento do portal das administracións de Galiza: eidolocal; a cesión de equipos informáticos ás entidades locais (un total de 705 equipos a 302 entidades, o que supón "a totalidade de solicitudes presentadas"); a cesión e posta en funcionamento de encamiñadores de última xeración e a formación específica a cargos públicos e persoal das entidades locais -as que acudiron 373 persoas ás que se lles dotou de tarxetas de sinatura dixital-.

Así mesmo, a titular de Administración Local tamén fixo referencia ao manual Administración electrónica nos concellos galegos 2007, realizado pola Consellería de Presidencia mediante unha enquisa aos 315 concellos, e do cal anunciou que xa se está a elaborar o correspondente ao exercicio presente.

0 comentarios: