A Universidade de Washington desenvolveu unha ferramenta web de código aberto.


Un equipo de informáticos da Universidade de Washington, nos EUA, crearon unha ferramenta que lles facilita ás persoas cegas a navegación pola internet sen necesidade de que instalen ningún software. A ferramenta, denominada WebAnywhere, é un servizo web que transforma o texto en voz e que, pola súa natureza, funciona en todos os sistemas operativos e navegadores. Ademais, é software libre.

O proxecto é obra do grupo WebInsight, da universidade estadounidense, e que ten como obxectivo analizar as barreiras que impiden o acceso á internet das persoas con discapacidade e achegar solucións.

WebAnyWhere presentarase a vindeira semana na convención anual da Federación de Cegos dos EUA. Segundo os seus creadores, a ferramenta está pensada, sobre todo, para as persoas cegas que acceden á rede mediante computadores públicos, xeralmente moi protexidos e que impiden a instalación de software.

Ademais, por ser un proxecto de código aberto, calquera pode contribuír á súa mellora ou instalalo no seu servidor web. Tamén se pode axudar a que estea dispoñíbel en máis linguas, pois de momento só se pode usar en inglés.

0 comentarios: