Inaugurouse o novo Centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información en Combarro, Poio


A inauguración estivo presidida pola Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e tamén asistiu a Delegada Provincial da Consellaría de Innovación e Industria, Montserrat Prado

O Centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información en Combarro, en Poio, foi posto en marcha a resultas da colaboración entre a Rede de Dinamización da Sociedade da Información,da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria e o Concello de Poio.

Este novo centro que vén de inaugurarse, situado na rúa Carreiro do Campo de Combarro, está totalmente equipado coa tecnoloxía máis avanzada e con software libre para desenvolver todo tipo de actividades relacionadas coa formación nas Novas Tecnoloxías. Compoñen o equipamento deste centro 10 ordenadores, unha cámara fotográfica dixital, un retroproxector, unha impresora láser, unha impresora a cor, un escáner, webcams e 9 lectores de DNI.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, iniciou a súa actividade neste concello en xaneiro do 2007 poñendo en marcha vintetrés obradoiros ao longo dun total de 200 horas, nos cales participaron máis de 79 usuarios/as. Destes usuarios/as un 60% foron mulleres, cunha franxa de idade maioritaria entre os 25 e os 55 anos . Estes obradoiros leváronse a cabo nas aulas de informática do IES de Poio e da biblioteca de Poio, impartidos por unha dinamizadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Os obradoiros, na súa maioría, estiveron destinados a proporcionar un achegamento básico ás Novas Tecnoloxías a través da alfabetización dixital, aínda que tamén se realizaron outros obradoiros sobre ocio e servizos da Rede ou ofimática.

0 comentarios: