Comezan as presentacións por todo o país do Plan Peme Galega


A delegada da Consellaría de Innovación e Industria en Pontevedra, María Montserrat Prado Cores, acompañada do xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Xosé Luís Vilasante, presentaron en Vigo o Plan Peme Galega, co que se iniciaron as xornadas de presentación do plan que terán lugar en todo o país e coas que se pretende lograr un maior achegamento ás pequenas e medianas empresas galegas co fin de darlles a coñecer as oportunidades de mellora da competitividade e excelencia empresarial que ofrece esta iniciativa da Consellería.

O plan, posto en marcha pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, ten como obxectivo mellorar a posición competitiva das empresas galegas mediante diferentes programas de formación e consultoría especializada para directivos, persoal técnico e responsables de calquera das áreas de xestión das pemes galegas.

Trátase dun conxunto de actuacións coordinadas que a Consellaría pon en marcha para que as empresas fagan unha diagnose da súa situación competitiva para poder obter melloras da súa posición no mercado. A partir da mesma ofrécese un abano de posibilidades de formación para mellorar a xestión e profundar na innovación incidindo en todos os apartados da empresa: tanto a nivel directivo, de recursos humanos, comercial, de produción ou loxística.

O Plan Peme engloba 3 programas concretos de formación e consultoría por parte de expertos que achegarán solucións adaptadas ás necesidades que cada empresa ten de mellorar a súa xestión e competitividade.

En resumo, o conxunto do Plan Peme Galega vai permitir realizar actuacións formativas e de consultoría en 262 empresas galegas a través dos 3 programas que o compoñen: Programa para o Desenvolvemento da Empresa Galega, Programa Directivos e Programa Xestión PEME, por parte de expertos que achegarán solucións adaptadas ás necesidades que cada empresa ten de mellorar a súa xestión e competitividade.

Datas
As xornadas de presentación que se están a levar a cabo comezaron o xoves 17 en Vigo e continuarán durante esta semana en Cambados, o martes 22 ás 12:30 horas, no Centro Comarcal do Salnés, e na Coruña o mércores 23 ás 12:00 horas, no salón de actos da Delegación Provincial da Consellería na Coruña. O mércores día 30 ás 12:00 horas, terá lugar a de Ourense no Parque Tecnolóxico de Galicia. Tamén se desenvolverán xornadas de presentación en Lugo e Ferrol.

Toda a información relativa ao plan así como a posibilidade de inscribirse no mesmo poderase atopar na páxina web: planpemegalega.org

0 comentarios: