Industria asina convenios con dez concellos para a implantación de wimax nos polígonos industriais

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou os convenios de colaboración cos gobernos locais de dez concellos do país para o despregamento de redes de telecomunicacións sen fíos de acceso á internet de banda larga en polígonos industriais ou parques empresariais, no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).

Estes convenios permitirán instalar redes wimax nos polígonos de Ordes, Porto Meloxo (O Grove), O Camballón (Vila de Cruces), Sete Pías (Cambados), Cuíña (Cervo), Vilar do Colo (Fene e Cabanas), Melide, Monforte de Lemos, Santa Marta (Vilar de Santos), Xinzo de Limia e Porto Meloxo (O Grove). Tamén se sumarán en breve os polígonos do Campiño (Pontevedra) e A Pastoriza.

O departamento de Fernando Blanco desenvolve esta primeira fase de despregamento de wimax en polígonos industriais cun investimento de 1,6 millóns de euros. A Consellaría executará todos os traballos necesarios para a realización do despregue da rede, mentres que cada concello se compromete a pór a disposición de Innovación e Industria dun espazo adecuado para a instalación do equipamento necesario (estación base, antenas, armario rack, etc.). Este espazo ten que ter como mínimo 5x5 metros e contar con subministración de enerxía eléctrica ou posibilidade desta.

Os convenios asinados constitúen unha primeira fase de execución do proxecto de desenvolvemento de redes de telecomunicacións sen fíos nos polígonos industriais e parques empresariais de Galiza que non contan aínda con acceso a internet de banda larga e naqueles nos que a calidade deste servizo non chega a todo o polígono ou non é adecuada. O proxecto continuará a desenvolverse ata que a través de distintas tecnoloxías a dotación de banda larga de calidade cubra o 100% dos polígonos do país.

0 comentarios: