Detido un empresario vigués que remexía nun computador da competencia a través dun virus

A investigación comezara cando un empresario denunciou que se accedera de forma fraudulenta a distintas contas de correo electrónico e contas bancarias das que era titular. As contas estaban relacionadas con varias das súas empresas, dedicadas a reparacións urxentes do fogar.

Analizados os equipos informáticos da empresa denunciante constatouse que estaban infectados por un programa de tipo troiano, instalado de forma automática cando o denunciante abriu un correo electrónico cunha suposta factura dun dos seus provedores.

Dende ese momento, o becho comezou a monitorizar as operacións realizadas no ordenador espiado, enviando informes periódicos das actividades ao detido, que obtivo contrasinais de acceso a contas de correo, contas bancarias e outros servizos de internet. Grazas a isto, o denunciado conseguiu cuantiosa información privilexiada sobre clientes, provedores e outras relacións comerciais das empresas espiadas.

A investigación iniciada por axentes do Grupo de Seguridade Lóxica da Brigada de Investigación Tecnolóxica da Comisaría Xeral de Policía Xudicial, en colaboración da Brigada Local de Policía Xudicial de Vigo, deu finalmente co responsábel doutra empresa do mesmo sector, adicada a reparacións urxentes do fogar, e quen se lle acusa agora dun delito de descubrimento e revelación de segredos.

0 comentarios: