Sei cal é o teu sexo (e que webs visitaches)


Unha web adiviña, con só premer un botón, cal é o noso xénero. O que nun principio podería parecer un experimento ou un truco agocha algo moito máis grave: o fácil que é acceder dende unha páxina da internet ao historial do noso navegador con só usar unhas liñas de javascript.

Segundo informa The Register, O blog Mike on Ads inclúe unha ferramenta que fai esa predición cunha peza de código que captura os enderezos do historial do navegador e valora, cunha serie de puntuacións para cada web, se o usuario é home ou muller.

Aínda que existen extensións para desactivar o javascript, en xeral, os desenvolvedores de navegadores, tanto o Explorer como o Firefox, ou calquera outro, rexeitan solucionar este problema de privacidade, pois permítelles aos usuarios acceder con máis facilidade ás webs que xa visitaron.

O autor do programa explica que é posíbel que moitas webs xa fagan uso de ferramentas semellantes á hora de adiviñar datos sobre os seus visitantes e ofrecerlles publicidade. E iso se non comezan a cruzar datos como o seu enderezo IP, a súa posición xeográfica, o navegador que empregan...

0 comentarios: