A Enciclopedia Galega Universal xa está dispoñíbel na rede


Este xoves presentouse oficialmente a edición dixital da Enciclopedia Galega Universal de Ir Indo Edicións. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que participou na presentación, asegurou que vai supoñer "un antes e un despois" para a presenza de Galiza e do noso patrimonio cultural e lingüístico na Sociedade da Información.

No acto participaron, ademais, a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela; o director de Ir Indo, Bieito Ledo; o reitor da USC, Senén Barro, e o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares.

Quintana apostou pola necesidade de empregar internet como vehículo que reforce a identidade cultural galega, na procura do enriquecemento e da normalización cultural e lingüística de Galiza. Tamén salientou que é preciso aproveitar a oportunidade de xerar contidos galegos e en galego para a rede, como indica o apartado CeS-LA2-I1 do PEGSI. Deste xeito, pódese dar resposta ao 62% das persoas que acceden á rede e consideran baixa ou moi baixa a presenza de contidos en galego, segundo a última enquisa do OGSI.

A Enciclopedia Galega Universal na internet conforma un gran fondo cultural que sintetiza en galego e dende unha óptica galega os aspectos máis destacados de Galiza e contribúe así a pór en valor a nosa cultura e a nosa lingua, paliando así o déficit habitual de contidos. Na súa elaboración tamén se tiveron en conta cuestións de igualdade e de accesibilidade, coa eliminación da linguaxe sexista e a incorporación de sistemas de accesibilidade para as persoas con discapacidade, como por exemplo a creación de entradas de voz para persoas cegas.

PEGSI
O vicepresidente da Xunta tamén explicou que o apoio a esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia de promoción da sociedade da información en Galiza, articulada a través do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) . A Consellaría de Innovación e Industria achegou 60.000 euros para a adquisición dunha licenza corporativa para o seu emprego nos centros da Rede Galega de Dinamización da Sociedade da Información e na adquisición de 2.000 licenzas individuais.

Quintana asegurou que, precisamente, aproveitar as TIC como vehículo de promoción e posta en valor da nosa identidade e da nosa lingua, conformando unha verdadeira oferta de servizos e contidos galegos e en galego, é un dos obxectivos básicos do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información, "un plan que permitirá a Galiza inserirse definitivamente na Sociedade da Información".

A Enciclopedia Galega Universal en Internet, ao igual que na súa versión impresa, é a primeira enciclopedia de carácter universal escrita integramente en galego. Editada por Ir Indo Edicións, é unha obra de carácter interactivo e multimedia, que incorpora vídeos, animacións e audios. Conta con 200.000 entradas permanentemente actualizadas, 20.000 mapas, 50.000 fotografías, material didáctico para profesores e alumnos, ademais de variados xogos e concursos.

0 comentarios: